A guerra en Ucraína, en directo, este 15 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.

Persoas refuxiándose no soto dun hospital local en Volnovakha, Donetsk (Victor/Xinhua News); edificio bombardeado en Kíiv (Mikhail Palinchak/SOPA Images), e ataques na cidade ucraína de Markhalivka (Seth Sidney Berry/ZUMA Press).
photo_camera Persoas refuxiándose no soto dun hospital local en Volnovakha, Donetsk (Victor/Xinhua News); edificio bombardeado en Kíiv (Mikhail Palinchak/SOPA Images), e ataques na cidade ucraína de Markhalivka (Seth Sidney Berry/ZUMA Press).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

20.37 | O Goberno ucraíno afirma que as negociacións entre o seu país e Rusia suspendéronse até a cuarta feira

O asesor de presidencia de Ucraína, Mijail Podoliak, comunicou nas súas redes sociais que as negociacións entre as delegacións rusa e ucraína suspendéronse até a cuarta feira. Podoliak afirmou que existen "contradicións fundamentais", pero existe "espazo para o compromiso". Mentres non se retoma o diálogo principal, os subgrupos seguirán a traballar.

19.20 | Morren polos bombardeos en Ucraína dous novos xornalistas

O camarógrafo de Fox News en Ucraína Pierre Zakrzewski, e a produtora Oleksandra Kuvshinova faleceron na mañá desta terza feira debido a bombardeos na aldea de Gorenka, no norte do país. Así o confirmou o Ministerio de Interior, Anton Gerashchenko, quen tamén informou de que que outro xornalista, Benjamin Hall, resultou ferido e tiveron que amputarllea parte inferior da perna.

18.01 | Rusia sanciona altos cargos dos EUA por políticas "rusófobas"

O Goberno de Rusia anunciou a imposición de sancións a altos cargos dos Estados Unidos (EUA) por levar a cabo políticas "rusófobas". Entres os sancionados están o presidente dos EUA, Joe Biden, o secretario estadounidense, Anthony Blinken, e o director da CIA, William Burns.

Lista de altos cargos sancionados por Rusia
Lista de altos cargos sancionados por Rusia

17.32 | As Administracións instan a que a acollida de persoas refuxiadas ucraínas teña lugar por vías oficiais​

A Xunta e o Goberno español instaron unha vez máis a que a acollida de persoas refuxiadas ucraínas teña lugar "con prudencia" e a través das vías oficiais, para facilitar a regularización e a tramitación de documentos a estas persoas.

Nun encontro entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Política Social, Fabiola García; e o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, ambas Administracións acordaron constituír un grupo de traballo para facilitar a  coordinación entre todas as institucións e entidades implicadas para garantir as axudas ás persoas desprazadas pola ofensiva militar rusa en Ucraína.

16.43 | Deteñen unha xornalista rusa por expor un cartaz contra a guerra en Ucraína durante o telexornal

A xornalista rusa Marina Ovsianikova foi detida pola policía do seu país após de expor un cartaz contra en Ucraína durante a retransmisión dun telexornal. "Parade a guerra! Non creades a propaganda! Están mentindo!", rezaba o cartaz desta profesional da información.

15.51 | Zelenski admite que Ucraína non formará parte da OTAN

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, admitiu no día de hoxe nunhas declaracións que o país non poderá formar parte da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Zelenski afirmou que Kíiv "necesitará novos formatos de interacción con Occidente e garantías de seguridade separadas".

14.39 | Críticas dos 'socios' de Sánchez polo anuncio de incrementar o gasto en Defensa até 2% do PIB

"Prioridades do Goberno máis progresista", ironizan desde o BNG sobre unha cuestión que tamén critican Unidas Podemos e a propia vicepresidenta segunda do Executivo estatal, Yolanda Díaz.

14.20 | Rusia nega procurar un "cambio de réxime" en Kíiv

O embaixador ruso en Francia, Alexéi Meshkov, negou esta terza feira, en declaracións aos medios en París recollidas pola axencia Sputnik, que o Kremlin busque un cambio de réxime en Kíiv: "Rusia non procura mudar o réxime en Ucraína, o pobo é quen debe determinar o seu futuro. Este tema nin sequera se propuxo durante as negociacións das dúas delegacións".

13.35 | O diálogo será "difícil", di o Goberno ucraíno

O asesor da Presidencia do Goberno ucraíno, Mijaíl Podoliak, confirmou esta terza feira a reanudación das conversas con Rusia, ao tempo que lamentou que as negociacións serán "moi difíciles".

12.50 | Ascende a 21 o número de vítimas polo ataque cun mísil en Donetsk

Segundo recolle a axencia Sputnik, o Ministerio de Saúde da República Popular de Donetsk vén de elevar a 21 as persoas falecidas no ataque cun mísil balístico á cidade de Donetsk, que se saldou con outras 37 persoas feridas. Neste senso, o portavoz o Kremlin, Dmitri Peskov, lamentou a "falta de reacción" de Occidente fronte a este ataque: "Estamos moi decepcionados de que os líderes europeos e a miña homóloga [a portavoz da Casa Branca, Jen] Psaki, nin tampouco o presidente dos EUA, Joe Biden, nin os líderes de organizacións internacionais, nin a OTAN, dixeran nada sobre Donetsk hoxe [por esta terza feira] nin onte [pola segunda]".

12.13 | Ucraína castigará a quen "colabore" con Rusia

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, asinou esta terza feira unha lei que penaliza o "colaboracionismo" coas autoridades rusas. A norma prevé penas de prisión de até quince anos para quen sexa considerado culpábel, que tampouco poderá ostentar cargos públicos.

11.45 | Toque de recoller de 36 horas en Kíiv

O alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, vén de anunciar a través de Telegram a imposición dun toque de recoller na capital ucraína que durará 36 horas, desde as 19 horas [hora da Galiza] desta terza feira até as 7 horas da quinta, 17 de marzo. "Pido a todos os habitantes de Kíiv que se preparen para ficar na casa durante dous días ou, en caso de alarma, nun refuxio", dixo.

10.43 | Novas sancións da UE a Rusia

A Unión Europea (UE), segundo informa Europa Press, adoptou esta terza feira un novo paquete de sancións comerciais que buscan "illar" máis Rusia no escenario internacional. En concreto, as restricións afectan os sectores do aceiro e o ferro, que segundo os cálculos da UE suporán un "dano" de perto de 3.300 millóns de euros. Aliás, veta a exportación de produtos de luxo e prohíbe novos investimentos europeos no sector enerxético ruso.

09.15 | Rusia afirma ter tomado o control de Khersón

O portavoz do Ministerio de Defensa da Federación Rusa, Ígor Konashénkov, segundo informa a axencia Sputnik, asegurou esta terza feira que xa tomou o control de "todo o territorio" da provincia ucraína de Khersón.

08.05 | Zelenski estenderá a lei marcial outros 30 días

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, vén de trasladar á Rada Suprema do país un proxecto de lei para aprobar o decreto presidencial que estende outros 30 días a vixencia da lei marcial en Ucraína, que expiraba o vindeiro 26 de marzo. 

07.45 | Un acordo de paz podería chegar "nunha ou dúas semanas"

As delegacións diplomáticas rusa e ucraína volverán reunirse esta terza feira tras o seu encontro da segunda, que se pausaron para realizar "traballo adicional". O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, apuntou que as negociacións van "bastante ben", mentres o asesor da Oficina da Presidencia de Ucraína, Aléxei Arestóvich, vaticinou que "nunha ou dúas semanas", ou en maio "a máis tardar", podería chegarse a un acordo de paz.

07.30 | Perto de 4.000 persoas evacuadas a través dos corredores

A viceprimeira ministra de Ucraína, Irina Vereshchuk, destacou que sete dos dez corredores humanitarios activos no país lograron sacar esta segunda feira unhas 4.000 persoas dos puntos activos do conflito.

Comentarios