A guerra en Ucraína, en directo, este 13 de abril

Sigue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.

Unha muller camiña polas rúas de Chernihiv (Celestino Arce Lavin / ZUMA Press / DPA); centos de persoas foxen da guerra a través da cidade polaca de Przemysl (Christoph Soeder / DPA), e traballos forenses en Bucha (Mykhaylo Palinchak / Zuma Press).
photo_camera Unha muller camiña polas rúas de Chernihiv (Celestino Arce Lavin / ZUMA Press / DPA); centos de persoas foxen da guerra a través da cidade polaca de Przemysl (Christoph Soeder / DPA), e traballos forenses en Bucha (Mykhaylo Palinchak / Zuma Press).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

20.50 | Que une o Batallón Azov e o francotirador que ameazou con asasinar Pedro Sánchez?

A Audiencia Nacional condenou nesta terza feira a sete anos e medio de prisión o francotirador que manifestou nas súas redes en 2018 o desexo de querer asasinar o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Mais, que une este integrante da extrema dereita e o reximento neonazi do Batallón Azov?

18.05 | O gobernador de Kursk, en Rusia, denunciou novos bombardeos do exército ucraíno

O medio dixital The Kyiv Independient faise eco dunhas declaracións do gobernador da rexión de Kursk, en Rusia, Roman Starovoit, nas que denunciou que o 'óblast' fora bomabardeado nos últimos días desde Ucraína. Pola súa banda, as autoridades ucraínas seguen a negar que sexan as súas forzas as que están a bombardear Kursk.

16.18 | Moscova non intercambiará por prisioneiros de guerra o opositor detido polos ucraínos

O portavoz do Goberno ruso, Dmitri Peskov, asegurou que non intercambiarán prisioneiros de guerra, nomeadamente militares ucraínos, polo político opositor Víktor Medvedchuk, detido pola intelixencia ucraína pola súa presunta relación con Rusia.

Moscova argumenta que, ao non tratarse dun cidadán ruso, "non ten nada que ver" coa guerra que ambos países están a manter desde hai máis dun mes. Desta forma, Peskov rexeitou a proposta do presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski.

15.12 | O Ministerio de Asuntos Exteriores ruso cualifica de "obxectivos militares lícitos" os vehículos da OTAN que transportan armas a Ucraína

O Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, a través dun portavoz, deu a entender que considera "obxectivos militares lexítimos" aqueles vehículos pertencentes á Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN) que transporten armas para abastecer o exército ucraíno.

De producirse, sería o primeiro choque directo (máis alá das sancións) entre Rusia e a OTAN, que até o de agora mantén unha posición de "non intervención" na guerra de Ucraína, pese a subministrar armamento e instrución militar a soldados e milicianos ucraínos

13.50 | Rusia ve "pouco intelixentes" as declaracións sobre a posíbel entrada na OTAN de Finlandia e Suecia

A portavoz do Ministerio de Defensa ruso, Maria Zajarova, cualificou esta cuarta feira de "pouco intelixentes" as declaracións dos últimos días sobre unha posíbel adhesión á OTAN de Finlandia e Suecia: "É unha especie de propaganda e provocación e non responde aos intereses dos pobos destes países, senón aos da Alianza", dixo.

12.30 | Ucraína acusa Rusia de usar armas químicas e o Kremlin négao

As autoridades ucraínas denunciaron esta cuarta feira o uso por parte do Exército ruso de "bombas de fósforo branco" na localidade de Novodanilivka, na rexión de Zaporizhzhia. Pola súa parte, a embaixada de Rusia nos EUA negou as acusacións e instou a Casa Branca a "non difundir información errónea".

09.55 | Rusia afirma que un milleiro de soldados ucraínos claudicaron en Mariupol

O Ministerio de Defensa ruso, segundo recolle Russia Today, asegurou esta cuarta feira que 1.026 soldados das Forzas Armadas de Ucraína se renderon en Mariupol e, con base nesta mesma fonte, 151 deles recibiron atención médica e foron trasladados ao hospital.

08.35 | Zelenski anuncia a captura do opositor Medvedchuk e propón intercambialo por prisioneiros de guerra

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, anunciou na tarde desta terza feira a captura do deputado Víktor Medvedchuk, un dos líderes do principal partido da oposición e de ideoloxía pro rusa, Plataforma de Oposición-Pola Vida, e propuxo ao Kremlin un intercambio por presos ucraínos.

08.00 | Biden acusa Putin de cometer un "xenocidio"

O presidente dos EUA, Joe Biden, culpou esta terza feira o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, de perpetrar un "xenocidio" en Ucraína. "As evidencias están a aumentar. Vese diferente á semana pasada. Máis evidencias están a saír literalmente das cousas horribles que os rusos fixeron en Ucraína", engadiu.

07.30 |  2.600 civís evacuados polos corredores humanitarios

Até 2.671 persoas foron evacuadas esta terza feira a través dos diferentes corredores humanitarios habilitados en determinadas cidades ucraínas, procedentes da cidade de Mariupol e as rexións de Pologi, Vasylivka, Berdyansk, Melitopol e Luhansk, segundo informou a viceprimeira ministra do país, Irina Vereshchuk.

Comentarios