O Goberno estatal aproba a alza do SMI e declara A Palma como zona catastrófica

Rolda despois do Consello de Ministros, con Yolanda Díaz, Isabel Rodríguez e José Luis Escrivá. (Foto: A.Ortega. POOL / Europa Press)
A suba do salario mínimo é de 15 euros mensuais con 14 pagas desde o 1 de setembro. Con respecto á situación na illa da Palma logo da erupción volcánica, pactouse unha partida de 10,5 millóns de euros para os gastos máis urxentes.

O Consello de Ministros deu luz verde esta terza feira á suba do salario mínimo interprofesional (SMI) acordado o pasado 16 de setembro con CCOO e UXT, de 15 euros mensuais, polo que se sitúa desde o 1 de setembro en 965 euros ao mes con 14 pagas.

No documento recóllese o compromiso de que a alza alcance o 60% do salario medio antes de que remate a lexislatura -como prometeu o presidente español, Pedro Sánchez, e especifica a Carta Social Europea que asinou- por medio de revisións “progresivas” en 2022 e 2023.

Quedaron fóra do acordo as patronais CEOE e Cepyme, reiterando que a subida do SMI danaría a creación de emprego cando a economía está no comezo da recuperación.

Porén, este aumento, do 1,58%, queda lonxe do 2,2% de incremento de prezos no que vai de 2021, índice que, segundo distintas previsións, medrará até o 4% cara ao final do ano.

Axudas á Palma

No Consello de Ministros tamén se abordou a situación na illa canaria da Palma, onde o domingo 19 de setembro comezou unha erupción volcánica que xa afectou 686 edificacións, cunha lingua de lava que cubre 258 hectáreas.

Como anunciara Sánchez hai uns días, o gabinete aprobou a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, como marco para impulsar as iniciativas do que Isabel Rodríguez, voceira do Executivo estatal e ministra de Política Territorial, definiu como un “plan especial de reconstrución da Palma”.

Para a “fase de urxencia”, sinalou, aprobouse unha partida de 10,5 millóns de euros. Un paquete de 5,5 millóns irá destinado a que o Goberno de Canarias adquira 107 vivendas na illa, para ofrecelas ás persoas que perderan a súa casa de xeito temporal ou permanente. En base á situación das beneficiarias impulsaranse condicións favorábeis de alugueiro ou compra da propiedade.

Estas vivendas só poderán volver ao mercado privado logo dun prazo de tres décadas e co visto e prace do Ministerio de Transportes, ao que Canarias terá que remitir unha xustificación co motivo polo que xa non son precisas para “fin social”.

Amais, 5 millóns de euros estarán dirixidos a mercar útiles de primeira necesidade para estas persoas. O acordo con Canarias contempla que se entreguen tarxetas moedeiro para axilizar o acceso a estas axudas.

O decreto, desenvolto polo Ministerio de Dereitos Sociais, o de Interior e o de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, salienta a “magnitude da emerxencia”, que xerou unha “grave perturbación” das condicións de vida.

ERTE por mor do volcán

Entre as medidas de protección ao emprego insular, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, indicou que haberá un ERTE específico para as empresas que viron afectada a súa actividade económica pola erupción, tanto na Palma como no resto do territorio canario.

O acordo permite exencións do 100% nas cotizacións sociais para as sociedades que non poden traballar, e do 90% para as que sufriran unha limitación parcial da actividade. Asemade, no pacto inclúese para as e os autónomos palmeiros unha prestación extraordinaria de catro meses.

Rodríguez tamén informou de que o Consello aprobou crear dúas comisións para xestionar o seguimento das medidas que se tomen con respecto á Palma.

A denominada “comisión mixta”, explicou a voceira, tivo a primeira xuntanza na tarde de onte, coa presenza de Sánchez, Fernando Grande-Marlaska (Interior), e Rodríguez (Política Territorial), así como a Delegación do Goberno estatal en Canarias, o presidente canario, Ángel Víctor Torres, e representantes do Cabildo da Palma e dos concello directamente afectados.

Ao tempo, 12 departamentos agruparanse nunha comisión interministerial.