Austria prepara a poboación para unha ‘apagada’ eléctrica indefinida e xeneralizada

O Goberno inicia unha campaña de información para concienciar a cidadanía dos perigos dun ‘apagón’ e recomenda que se abastecen.

Alexander Schallenberg austria
photo_camera Alexander Schallenberg, xefe do Goberno austríaco (Foto: Europa Press)

O Goberno austríaco comezou a preparar á poboación para un escenario de crise eléctrica que levará a unha apagada indefinida e xeneralizada en Europa. Deste modo, o Executivo dirixido por Alexander Schallenberg quere concienciar os cidadáns dun perigo que se fai cada vez máis real.

"A cuestión non é se haberá unha gran apagada, senón cando", dixo a ministra de Defensa, Klaudia Tanner. As causas que poderían provocar este apagamento continental son varias, indican, mais as principais poden ser problemas técnicos ou sobrecargas debidas a picos de demanda que desestabilizan o sistema.

O Goberno lanzou unha campaña de información, tanto nos medios como nas rúas, recomendando os austríacos e austríacas que se abastecesen dos produtos necesarios para "sobrevivir" a unha apagada.

Segundo o Ministerio de Defensa austríaco, os materiais e produtos de supervivencia inclúen combustíbel, velas, baterías, auga potábel e conservas. Ademais, o exército subliñou a importancia de cooperar con veciñanza e familiares para evitar que calquera cidadán quede desprotexido ou vulnerábel.

Os perigos dos cortes de luz

Nunha sociedade cada vez máis dixital e tecnolóxica, unha apagada xeneralizada condicionaría practicamente calquera actividade, desde o tráfico nas rúas até a conservación de alimentos ou o uso de calquera medio de comunicación como ordenadores, teléfonos ou internet. Polo tanto, o impacto económico, pero tamén na vida cotiá das persoas, é case incalculábel.

Por iso, o goberno prepara medidas para facer fronte a esta crise e propuxo preparar e adaptar as instalacións militares antes de 2025.

Neste sentido, o plan prevé que sexan autosuficientes e, segundo dixo a Efe, o tenente coronel Pierre Kugelweis, estes espazos militares servirían como base de apoio para organizacións civís como bombeiros e paramédicos.

Que hai detrás da campaña do goberno?

O goberno austríaco decidiu avisar o público sobre o posíbel peche despois de avaliar unha serie de incidentes recentes.

Por unha banda o aumento do prezo pola escaseza de electricidade e combustíbel no Reino Unido. Ademais, controlan máis variábeis como problemas en certas cadeas de subministración, como as relacionadas cos microchips e o aumento do prezo das materias primas.

Comentarios