Orzamentos Xerais do Estado

O Goberno español eleva o teito de gasto a 199.120 millóns en 2024, o máis alto da historia

Trátase dun límite de gasto "realista" e "prudente", que conta con marxe para tomar ou prorrogar algunha das medidas aprobadas para combater a alza dos prezos "se fose necesario", afirma a ministra María Jesús Montero.
As ministras Diana Morant, María Jesús Montero e Pilar Alegría, hoxe, en rolda de prensa após o Consello de Ministros. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera As ministras Diana Morant, María Jesús Montero e Pilar Alegría, hoxe, en rolda de prensa após o Consello de Ministros. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira o límite de gasto non financeiro, coñecido como 'teito de gasto', dos Orzamentos do Estado para 2024, que se eleva a unha cifra récord de 199.120 millóns de euros, o que supón 0,5% máis respecto ao exercicio anterior, incluíndo os fondos procedentes da Unión Europea. Con este paso, o Executivo de Pedro Sánchez dá o disparo de saída á elaboración das primeiras contas públicas desta lexislatura do Goberno de coalición de PSOE e Sumar, que teñen como obxectivo consolidar o crecemento, pero tendo en conta o complexo panorama internacional e a reactivación das regras fiscais europeas.

"Este Goberno guiarase, como o anterior, polo rigor nas contas públicas e a prudencia á hora de orzar polo compromiso coa consolidación fiscal", asegurou a vicepresidenta cuarta e ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, onde desagregou o novo límite de gasto non financeiro para 2024, que por cuarto ano consecutivo ficará en máximos.

O límite do gasto non financeiro estatal, é dicir, sen os fondos europeos, sitúase en 189.215 millóns, o que supón un incremento de 9,3% respecto ao exercicio anterior. Así, uns 9.000 millóns do 'teito de gasto' xeral proveñen dos fondos europeos, considerando que os préstamos da addenda ao Plan de Recuperación non entran dentro do teito de gasto. Ao tempo, espéranse un aumento de ingresos tributarios do 9% en 2024 fronte ao feche de 2023.

Segundo a titular de Facenda, trátase dun límite de gasto "realista" e "prudente", que conta con marxe para tomar ou prorrogar algunha das medidas aprobadas para combater a alza dos prezos "se fose necesario". "Unha decisión que adoptaremos antes de que acabe este mes en función dos últimos datos que teñamos dispoñíbeis, pero sempre pensando no interese xeral", salientou a ministra. Haberá que esperar até as últimas semanas de decembro para coñecer con exactitude as medidas que se prorrogarán, malia que o presidente Pedro Sánchez xa avanzou que a rebaixa do IVE a alimentos se estendería seis meses máis.

Pacto de estabilidade da UE

Xunto á aprobación do 'teito de gasto', o Goberno aprobou os obxectivos de estabilidade orzamentaria, que apuntan a un obxectivo de déficit das Administracións Públicas en 2024 de 3% do PIB en 2024, de 2,7% en 2025 e de 2,5% en 2026. "España cumprirá co Pacto de Estabilidade e Crecemento da Unión Europea", recalcou Montero.

Na desagregación por administracións para o próximo ano, a Administración Central será quen asuma maior esforzo, cun déficit en 2024 de 2,7%, de 2,6% en 2025 e de 2,5% en 2026. Pola súa parte, o obxectivo de déficit das comunidades autónomas será de 0,1% en 2024 e de equilibrio orzamentario en 2025 e 2026. En obxectivo para as entidades locais será de equilibrio orzamentario entre 2024 e 2026, mentres que para a Seguridade Social será dun déficit de 0,2% en 2024, de 0,1% en 2025 e de equilibrio orzamentario en 2026.

Plan de reequilibrio

Tamén se aprobou hoxe o plan de reequilibrio para corrixir deviaciones orzamentarias producidas polas circunstancias excepcionais que levaron á suspensión das regras fiscais en 2020 polo impacto da pandemia. Este plan recolle esa senda de redución de déficit que supón rebaixalo até 3% do PIB o próximo ano. Así mesmo, o Goberno espera seguir coa senda descendente da débeda pública e prevé que baixe de 106,3% en 2024, a 105,4% en 2025 e a 104,4% en 2026.

Por subsectores, a débeda da Administración Central e Seguridade Social será de 83,2% do PIB en 2024, para caer ao 83% en 2025 e chegar ao 82,8% en 2026. No caso das comunidades autónomas, estímase que a débeda será de 21,7% en 2024, de 21% en 2025 e de 20,3% en 2026, mentres que a das entidades locais será de 1,4% en 2024 e de 1,3% en 2025 e en 2026.

Informe xurídico

Agora, as Cortes Xerais pronunciaranse aprobando ou rexeitando os obxectivos de estabilidade propostos polo Goberno —non o teito de gasto, que non se vota—, que nesta ocasión deberán estar aliñados coas normas fiscais europeas, tras anos suspendidas pola pandemia. O Goberno conta cun informe xurídico, elaborado pola Avogacía do Estado, que permitirá a tramitación duns novos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para o ano 2024, pese ao posíbel bloqueo no Senado dos obxectivos de estabilidade orzamentaria pola maioría do PP.

O informe estabelece que o Goberno poderá acudir, segundo a lei orgánica, en dúas ocasións a tentar aprobar nas Cortes Xerais os obxectivos de estabilidade para os próximos tres anos. O prazo máximo de intervalo entre a primeira remisión de obxectivos e a segunda non pode superar o mes. No caso de que en dúas ocasións non se aprobe por algunha das Cámaras eses obxectivos de estabilidade, o proxecto de Orzamentos basearase no disposto no plan que se remitiu a Bruxelas no mes de abril, o Programa de Estabilidade.

Os obxectivos de estabilidade aprobados por Facenda fixan o déficit das comunidades en 0,1% do PIB e estipulan para os concellos un obxectivo de estabilidade orzamentaria. Os anteriores, que se aplicarían se o PP rexeita no Senado a senda do Goberno, fixan a estabilidade orzamentaria para CCAA e un superávit de 0,2% para concellos, o que supón dar menos marxe para o gasto de ambas as Administracións.

Comentarios