O Goberno do Estado renuncia á reforma para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial

O Goberno do Estado renuncia á reforma legal que permitiría renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial con maioría absoluta no Congreso, e non coa maioría reforzada de 3/5 que a norma actual exixe e que permite ao PP bloquear a renovación e manter un organismo en funcións favorábel ás súas teses.
Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza, xunto as ministras María Jesús Montero e Ione Belarra. (Foto: J. Hellín / Pool / Europa Press)
photo_camera Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza, xunto as ministras María Jesús Montero e Ione Belarra. (Foto: J. Hellín / Pool / Europa Press)

O Goberno do Estado vai retirar a proposición de lei para permitir a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) con maioría absoluta no Congreso, anunciou esta terza feira Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

A medida conta coa oposición de Unidas Podemos, da coalición de Goberno, que sinalou por medio do presidente do seu grupo parlamentar, Jaume Asens, a súa desconformidade.

Esta reforma estaba parada desde outubro de 2020, despois da suspensión feita pública por Pedro Sánchez, presidente do Estado, para volver á mesa de negociación co Partido Popular e tentar reactivar a elección dun órgano que leva en funcións desde decembro de 2018, o que non impediu que nese tempo fixera até 78 nomeamentos en postos chave do sistema xudicial.

A intervención de Campo, na que sinalaba que ía proceder a solicitar a PSOE e Unidas Podemos que retirasen o texto, veu precedida da conversa a pasada segunda feira do ministro con Vera Jourová, unha das vicepresidentas da Comisión Europea.

Jourová, que dirixe a sección de Valores e Transparencia, cualificou como “boas novas” o compromiso de desbotar a reforma, que permitiría evitar o bloqueo do PP ao precisarse na actualidade o apoio de 3/5 partes do Congreso. Mais tamén pediu a renovación do órgano xudicial con consenso e canto antes.

Asemade, a vicepresidenta sostivo que a reforma da lei do Poder Xudicial aprobada o 24 de marzo, que limita os poderes dun CXPX en funcións para nomear novos cargos, “está en liña co Estado de Dereito e os controis e equilibrios de poder”.

Esta reforma foi impulsada diante da falta de avance das negociacións entre PP e PSOE para a renovación do CXPX, e aínda que foi moi cuestionada pola dereita, limitou os nomeamentos dun órgano seleccionado polo PP nos seus anos de goberno estatal e que continuou en funcións a repartir prazas nos tribunais do Estado, que até dentro de varios anos non poderán ser renovadas.

Comentarios