mércores 14/04/21

O Poder Xudicial pausa novos nomeamentos na xudicatura

O pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) freou o nomeamento de novos postos na alta xudicatura á espera de que o Goberno estatal e o PP cheguen a un pacto para a renovación do órgano de Goberno das e dos xuíces, ao igual que alcanzaron un acordo para renovar a composición da dirección de TVE.
O CXPX, que preside Carlos Lesmes, aprobou un ditame crítico da lei do 'só si é si' (Foro: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O CXPX, que preside Carlos Lesmes, aprobou un ditame crítico da lei do 'só si é si' (Foro: Beatriz Ciscar / Europa Press)

De frutificaren as negociacións en marcha entre o Executivo español e o Partido Popular para a renovar os membros do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) -cuxo mandato leva máis de dous anos caducado-, o desta quinta feira, 25 de febreiro, podería ser o último pleno do actual órgano de Gobernos das e dos xuíces. 

Ao retomárense as conversas entre o Executivo e o PP para a renovación, o CXPX acordou retirar da orde do día os puntos relativos á designación de oito vacantes na cúpula xudicial, entre elas tres no Supremo, un punto na orde do día que fora incluído por petición de oito vogalías.

No Executivo estatal non gustou que o CXPX teña realizado nomeamentos na alta xudicatura co mandato esgotado e cunha composición que responde ao reparto de escanos no Congreso que había en 2013 -o PP tiña daquela 186 actas e agora conta con 89-. Con todo, a manobra do conservador Carlos Lesmes, presidente do CXPX, de pór en pausa os novos nomeamentos, ten data de caducidade: o debate trasladouse ao pleno da vindeira semana. 

E pese a que Goberno e PP aseguran que as negociacións están en marcha, os populares manteñen o veto a persoas propostas por Podemos, como a xuíza Victoria Rosell (ex deputada de Podemos) e José Ricardo de Prada, un dos maxistrados da sentenza da Gürtel que motivou a moción de censura contra Mariano Raxoi. Porén, fontes de Podemos aseguran que este maxistrado non é da súa cota e cren que o PP utiliza ese "argumento falso" de que é un nome de Podemos para evitar que entre no CXPX.

Lei de liberdade sexual

O pleno do CXPX aprobou por unanimidade un ditame crítico sobre o anteproxecto de Lei de liberdade sexual, a coñecida como "Lei do só si é si". 

O informe, que non é vinculante, ve "innecesaria" a definición do consentimento que se fai, pola que "se entenderá que non existe consentimento cando a vítima non manifestase libremente por actos exteriores, concluíntes e inequívocos conforme as circunstancias concorrentes a súa vontade expresa de participar no acto”.

O Congreso valida o consello de TVE cos votos do PSOE, UP, PP e PNV

O Congreso avalou as candidatas e candidatos pactados do PP, PSOE, Podemos e PNV para o Consello de Administración de RTVE, entre eles o aspirante a presidir a corporación, José Manuel Pérez Tornero.

Na votación, que debía ser en urna mais que se fixo de forma telemática polas restricións da pandemia, os seis candidatos obtiveron o mesmo número de apoios, 249, que son os deputados que suman esas catro formacións políticas. Aínda que é secreto, todo apunta a que as catro formacións non lograron sumar ningún voto máis ao seu acordo. Tornero relevará así Rosa María Mateo, que exerce como administradora única provisional desde 2018, un posto ao que accedeu "para uns meses" e no que leva máis de dous anos, dado que até o de agora non se alcanzara un acordo que permitise unha maioría cualificada na Cámara. 

comentarios