luns 08/03/21

O PP ve próximo un acordo para renovar o Poder Xudicial

Os populares ven perto un acordo co PSOE e sen Podemos para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), aínda que Ábalos rexeita pactos "con vetos". O CXPX mantén unha maioría afín ao PP que caducou hai dous anos, e a renovación é crucial sobre todo en pleno xulgamento ao ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas. 
Carlos Lesmes preside o pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, nunha imaxe de arquivo (Foto: CXPX)
Carlos Lesmes preside o pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, nunha imaxe de arquivo (Foto: CXPX)

A renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) podería estar máis perto, segundo o anunciado esta segunda feira, 22 de febreiro, polo secretario xeral do Partido Popular, Teodoro García Egea, quen afirmou nunha entrevista que o PSOE estaría a aceptar que Unidas Podemos ficase fóra da negociación para renovar o órgano de Goberno das e dos xuíces, unha das condicións dos populares para pactar a nova composición do CXPX. 

O secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, rexeitou onte en rolda de prensa as "chantaxes" do PP para negociar a renovación do Consello mais non confirmou se o acordo contará ou non co visto e prace de Podemos. Ábalos subliñou a necesidade de pór fin aos máis de dous anos de "bloqueo" no  CXPX e pediu ao PP que recapacite e permita acordos "sen vetos". En concreto, Ábalos destacou que as negociacións as leva o Goberno, o cal tamén representa a Unidas Podemos, e que o encargado de negociar é o ministro de Xustiza en representación do "todo" o Executivo, así como o secretario xeral da Presidencia.

Dado o anuncio de negociacións, o presidente do CXPX, o conservador Carlos Lesmes, acordou non incluír na orde do día do pleno do Consello desta quinta feira oito nomeamentos. Lesmes tamén tería en conta a división existente no pleno do CXPX, pois non todas as vogalías estarían de acordo con facer nomeamentos na alta xudicatura tendo o seu mandato expirado (desde que caducou, en decembro de 2018, o CXPX aprobou 47 nomeamentos).

Precisamente, este órgano é quen nomea a Presidencia da Audiencia Nacional, do Tribunal Supremo, dos Tribunais Superiores de Xustiza, e demais postos gobernativos. E todo, mentres a Audiencia Nacional está a xulgar presuntas irregularidades relacionadas coa caixa 'B' do PP.

E como non houbo acordo nos últimos anos para renovar CXPX, a vintena de vogalías deste órgano, que designan as Cortes Xerais, aínda responden ao acordo fraguado en 2013, cando o PP contaba no Congreso con 186 escanos, fronte aos 89 actuais. Así pois, de haber renovación, o PP perdería a súa actual maioría no Consello.

A xustiza ordena "repatriar" 50 millóns dos líderes da Gürtel e Bárcenas en Suiza

A Audiencia Nacional que xulgou a primeira época da trama Gürtel (1999-2005) ordenou que se repatríen ao Estado español máis de 50 millóns de euros que se atopan "bloqueados" en contas bancarias en Suíza do líder da rede corrupta, o empresario Francisco Correa, de quen fora o seu 'número dous', o empresario e político galego Pablo Crespo, e do ex tesoureiro do Partido Popular, Luis Bárcenas.

Segundo indica o decreto de execución da Audiencia Nacional, ditado o pasado 12 de febreiro e que transcendeu esta segunda feira publicamente, as contas foron bloqueadas durante a instrución do caso, polo que acorda que se "pasen as actuacións ao maxistrado relator" para que solicite "auxilio xudicial internacional" a Suíza e poña ao dispor da Audiencia Nacional un total de 50.342.107,52 euros.

comentarios