As formacións independentistas ultiman as listas de cara ao 21D

Esta sexta feira finaliza o prazo para presentar as listas fecharas para as eleccións cataláns.

papeletas catalunya referendo dani candal
photo_camera Imaxe: Dani Candal

O 17 de novembro, esta sexta feira, é o límite para que os partidos que van concorrer ás eleccións cataláns do 21D presenten as súas candidaturas cos nomes das persoas que as integran. Foron estes días intensos en contactos, ruxes-ruxes e noticias sobre ‘fichaxes’ e incorporacións nas diferentes formacións de cara aos comicios de dentro de pouco máis dun mes. Non hai lista unitaria do independentismo, polo que se deu en certa medida unha competencia por completar as listas de cada unha das forzas en concorrencia con nomes desexados por todos.

Unha das novas é que se presente Junts per Catalunya, encabezada por Puigdemont e co apoio do PDECat. A tamén denominada polos cercanos ‘Lista do Presidente’ incorporou Jordi Sánchez, presidente da ANC e preso desde hai un mes. A ANC, a maior organización social do soberanismo, é caladoiro onde queren pescar máis nomes desde Junts, como o de Nùria Guillaumes, tesoureira da Assemblea.

ERC, que presenta Junqueras como candidato, incorpora a presidenta do Parlament, Carme Forcarell, na lista por Barcelona e de número 4. Na lista de Esquerra van varios independentes, como Rubén Wagensberg, voceiro da campaña de acollida de refuxiados. ERC conta co apoio de Demòcrates (o sector soberanista de Unió) e de MES (soberanistas que veñen do PSC).

CUP presenta Carles Riera, un veterano de loitas sociais e culturais en Catalunya. Fai parte de Endavant-Osan. 66% da militancia da CUP apoia as listas da formación independentista. Mireia Boya, Natàlia Sánchez e Xavier Milian completan as cabezas de lista polas catro circunscricóns.

Comentarios