Ferido de gravidade un fotoxornalista e colaborador da ONU polos bombardeos no norte de Gaza

A axencia da ONU para os refuxiados palestinos (Unrwa) informou de que un dos seus colaboradores, que tamén é fotoxornalista, foi ferido de gravidade e perdeu as pernas como consecuencia dos bombardeos no norte da Faixa de Gaza. As autoridades palestinas aumentan a máis de 30.400 as mortes no seu territorio mentres Israel decide non negociar un alto ao fogo.

Situación en Deir al-Balah tras os bombardeos deste sábado (Mohammed Talatene/ Europa Press).
photo_camera Situación en Deir al-Balah tras os bombardeos deste sábado (Mohammed Talatene/ Europa Press).

"O noso colega do Unrwa e fotoxornalista, Abdalá, resultou gravemente ferido en bombardeos no norte Gaza. Perdeu as pernas", escribiu o comisionado xeral desta axencia na súa conta da rede social X, antes Twitter.

Este organismo internacional engadiu que "durante as últimas semanas, (Abdalá) estivo enviando imaxes moi poderosas sobre a escala de destrución e miseria" e aproveitou para denunciar que "nesta guerra de 'superlativos', estamos a rexistrar o maior número de traballadores humanitarios e xornalistas asasinados en calquera conflito".

Por outra parte, a axencia oficial de noticias palestina Maan, citando fontes médicas, informa este domingo de polo menos catro civís mortos e decenas de feridos por un bombardeo israelí sobre un domicilio do norte da cidade de Gaza.

Ao mesmo tempo, as autoridades do enclave elevaron a 14 as persoas falecidas polo ataque israelí do sábado contra as tendas de campaña de desprazados e unha concentración de persoas xunto á porta principal do Hospital Infantil e Maternidade de Emiratos en Rafá, no sur da Faixa de Gaza.

Máis de 30.400 mortes polos ataques de Israel

As autoridades da Faixa de Gaza elevaron este domingo a máis de 30.400 as palestinas e palestinos mortos por mor da ofensiva militar lanzada por Israel contra o seu territorio. Ademais, elevan a 15 as crianzas falecidas xa por inanición.

"A ocupación israelí cometeu nas últimas 24 horas nove masacres contra familias na Franxa de Gaza", sinalou, á vez que denunciou que numerosas vítimas "seguen baixo os entullos e nas estradas". Alén diso, aseguran que "a ocupación evita ás ambulancias e os equipos de Defensa Civil chegar a elas".

Israel non negociará

Israel non enviará finalmente unha delegación ás conversacións que tiñan que comezar este domingo no Cairo (Exipto) entre Hamás, Estados Unidos de América e Qatar para facilitar un posíbel cesamento do fogo en Gaza. Aseguran que tomaron esta decisión ao no contar coa actualización da lista de reféns israelís nin co seu número actual nin co seu estado.

A ausencia de Israel foi confirmada por unha fonte oficial do país, baixo condición de anonimato, ao diario Times of Israel.

Comentarios