Entrevista

Ana Miranda: "Trataron de intimidarme e acalarme, é o prezo a pagar por denunciar o 'apartheid' de Israel"

A eurodeputada do BNG ficou retida polas autoridades israelíes durante sete horas no aeroporto de Tel Aviv. Non a deixaron pasar malia viaxar na condición de diplomática europea e contar cun permiso expreso do Ministerio de Exteriores de Israel. "Foi o ministro do Interior quen tomou a decisión a última hora", sinala a 'Nós Diario' nada máis aterrar de volta en Madrid.
A eurodeputada Ana Miranda, mentres ficou retida no aeroporto de Tel Aviv, en Israel. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A eurodeputada Ana Miranda, mentres ficou retida no aeroporto de Tel Aviv, en Israel. (Foto: Nós Diario)

"Cansa e indignada", Ana Miranda aterrou contra as 11 horas desta terza feira no aeroporto de Madrid-Barajas após ser expulsada de Tel Aviv polas autoridades de Israel cando se dirixía a Palestina en misión diplomática, canda unha delegación formada por catro grupos parlamentarios da Eurocámara, oito anos despois de ser tamén deportada, en 2015, como membro da tripulación do buque Marianne da III Flotilla Liberdade que pretendía ofrecer axuda humanitaria a Gaza.

Daquela impuxéranlle a prohibición de cruzar as fronteiras israelíes durante cinco anos, unha denegación do visado que a día de hoxe xa caducou. Porén, aquela incursión foi agora o motivo alegado para retela durante máis de sete horas e non permitirlle pasar do aeroporto. Iso a pesar de que contaba cunha autorización expresa do Ministerio de Exteriores de Israel e de que viaxaba en condición de diplomática europea.

Tres integrantes da Delegación para as relacións con Palestina do Parlamento Europeo chegaron na tarde desta segunda feira a Tel Aviv canda a parlamentaria do BNG, mais só dous puideron entrar: os socialistas César Luena e Nicolás González Casares —PSdeG—. "Luena pasou sen problema e a min dixéronme que tiña que esperar. Tamén se detiveron con Nicolás, quizais porque viña do mesmo sitio ca min, mais el puido pasar uns 40 minutos despois. A min tivéronme sete horas para finalmente expulsarme", explica a Nós Diario, nada máis chegar ao aeródromo madrileño.

Tampouco tiveron maior problema cos policías de fronteiras outros eurodeputados como João Pimenta, do Partido Comunista Português, ou a propia responsábel desta delegación parlamentaria, Margrette Auken, da Esquerda Verde de Dinamarca e compañeira de bancada de Miranda, "a pesar de que se teñen manifestado abertamente e en público a favor de Palestina". Manu Pineda, de Izquierda Unida, non correu a mesma sorte: antes da viaxe xa lle denegaran o visado.

Foron horas de moita tensión. As chamadas diplomáticas sucedíanse e chegaban desde as máis altas instancias da UE, como o propio gabinete da presidenta da Cámara, Roberta Metsola. Mais Miranda, que non prevía en absoluto que isto puidese suceder dado que o propio Goberno israelí autorizara a súa visita, seguía sen poder entrar.

"Ten que esperar" é o único que lle dicían os policías, que actuaron, asegura, cunha actitude "moi arrogante e intimidatoria". "Foi todo moi confuso. Non crían que eu era eurodeputada a pesar de ensinarlles o pasaporte diplomático e tentaban intimidarme todo o tempo, berraban e rían de min, mais eu non me deixei intimidar. Dicían, 'cale, vostede aquí non é ninguén'. E engadían entre risos, 'probe a entrar por Palestina, por aquí non pode, xa sabe o que fixo en 2015'", expón.

Ana Miranda afirma que foi o propio ministro do Interior de Israel quen acordou expulsala a última hora, logo de ficar "varias horas soa" sen que ninguén lle dixese nada e contradicindo o permiso outorgado inicialmente por Exteriores. "Imaxino que chamaron ao ministro á 1h da madrugada e lle dixeron que había no aeroporto unha muller que dicía ser eurodeputada e que quería entrar... A conclusión á que chegamos é que deberon ter unha descoordinación brutal, mais é unha decisión totalmente arbitraria. Non pode ser que un presidente poida expulsar unha persoa con inmunidade diplomática, porque entón poderá facelo con calquera", censura a representante do Bloque en Bruxelas.

A súa viaxe no buque Marianne foi o motivo que alegaron as autoridades no aeroporto, "por razóns de seguridade nacional, o mesmo que a outra vez, sen máis xustificación que esa, porque son vingativos". A eurodeputada adianta a este xornal que desde a Presidencia do Parlamento Europeo están a preparar xa unha resposta ao que considera un ataque á propia institución: "Dicíanme que aquí a Unión Europea non pinta nada, e iso nun contexto de relacións diplomáticas entre a propia UE e Israel". Tamén desde o Goberno español demandarán explicacións ao Goberno de Benjamin Netanyahu.

"Este é o prezo a pagar por denunciar o apartheid ao que Israel ten sometida a poboación palestina", conclúe Miranda, que agradece as "múltiples mostras de apoio" e afirma que a única forma posíbel de que Israel realmente se retracte é permitindo a súa entrada "entre hoxe e mañá". Nas próximas horas collerá un novo avión, mais en dirección a Vigo.

Comentarios