Israel apreixa o Marianne de madrugada e impide que chegue a Gaza

Mais unha vez, Israel viola os dereitos das persoas e impide a libre circulacion, neste caso por vía marítima, a un territorio ilegalmente ocupado. A forza naval israelí interceptou esta madrugada o Marianne e desvionou pola forza ao porto de Ashdod. Segundo as fontes disponíbeis, os tripulantes do Marianne non resultaron danados. HORA E LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS DE SOLIDARIEDADE NO INTERIOR.

A aventura do Marianne acabou como era previsíbel: coa intervención das forzas navais israelíes. Mais embora non poder chegar a Gaza, o obxectivo da misión -voltar a pór de relevo a existencia dunha ocupación ilegal por parte de Israel- si foi plenamente cuberto.

O Marianne é o barco que ía liderando a Flotilla da Liberdade e nel viaxaba a portavoz do BNG face o Parlamento europeu. Ana Miranda.

No conxunto da Flotilla da Liberdade, ían 47 activistas pro-palestinianos, entre eles a eurodeputada de Podemos Estefanía Torres e o ex presidente de Túnez Moncef Marzuki.

Non parece casual o momento eleito por Israel para realizar o apreixamento: ás 4 da mañá dun día, esta segunda feira, en que toda a atención internacional se vai focalizar na situación de Grecia, en pleno corralito. Reducir o impacto internacional da captura do Marianne estaba sen dúbida entre os obxectivos da misión perpetrada polas forzas armadas do réxime sionista.

Esta tarde, concentracións para expresar a condena contra esta acción de Israel

Desde a sexta feira pasada, Sermos Galiza tentou infructuosamente pórse en contacto, por vía whatsapp, con Ana Miranda.

Para esta tarde están previstas concentracións na Galiza de condena desta acción israelí que procura a impunidade da súa política xenocida nos territorios ocupados.Rumo a Gaza cualifica a acción do Exército sionista de "acto de piratería" e Israel acusa a Flotilla de ser cúmplice de Hamás

Israel pronunciouse coa súa retórica habitual e xustificou a intervención militar, a meio dun comunicado do Exército, coa previsíbel acusación de cumplicidade da Flotilla con Hamás: "A Flotilla non é máis que unha mostra de hipocresía que só axuda Hamás e que ignora outras atrocidades na rexión".

Rumo a Gaza cualifica a acción do Exército sionista de "acto de pirataría" e Israel acusa a Flotilla de ser cúmplice de Hamás

Por súa parte, Rumo a Gaza -a organización que promove a Flotilla- cualificou o atentado contra o Marianne de "acto de pirataría". "A Israel non lle abonda con castigar a 1,8 millóns de persoas no campo de concentración de Gaza coa cumplicidade exipcia. Non só se adonou das augas territoriais palestinianas, senón que extendeu o seu bloqueo no Mediterráneo até as 100 millas náuticas".

Tripulantes

Xunto coa portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, viaxaban Bassel Ghattas, integrante do Parlamento israelita e político palestiniano, Moncef Marzouki, activista polos Dereitos Humanos e expresidente da Tunisia; Robert Lovelace, profesor universitario canadense; Kajsa Ekis Ekman, xornalista sueca; Dror Freiler, músico e compositor da Suecia; as xornalistas Nadya Kevorkova (Rusia), Ammar Al-Hamdan (Al-Jazeera, Noruega), Mohammed El Bakkali (Al-Jazeera, Marrocos), Ruwani Perera e Jacob Bryant (Nova Zelancia, Maori TV), Ohad Hemo (Channel 2, Israel TV) e @s tripulantes Joel Opperdoes (Suecia), Kevin Neish (Canadá), Gustave Bergstrom (Suecia), Herman Reksten (Noruega), Jonas Karlin (Suecia) e Charlie Andreasson (Suecia). 

Segundo informaron as autoridades españolas da embaixada en Tel Aviv, ningunha das persoas detidas estaba ferida. 

Foron convocadas concentracións de solidariedade esta segunda feira:

  • Praza do Toural (Compostela) ás 20.30h.
  • Vigo, ás 20h diante do MARCO.
  • A Coruña, 20h no Obelisco.
  • Ourense, 20.30h na Praza de Ferro.
  • Pontevedra, 20.30h na Praza da Peregrina.
     

BDS-Galiza pide a intervención das autoridades galegas

Desde a campaña Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel reclaman após o asalto á III Flotilla da Liberdade e o traslado das persoas que compuñan a súa tripulación á cadea militar Ashdod "protección para todas as persoas que viaxaban a bordo do Marianne e insta as autoridades galegas a actuarde urxencia perante o Ministerio de Asuntos Exteriores español para que sexan tomadas as medidas necesarias para garantir a integridade da nosa concidadá Ana Miranda". 

Neste senso, BDS-Galiza lembra que o 23 de xuño o colectivo se dirixiu ao presidente da Xunta e a presidenta do Parlamento de Galiza para "lles transladar o seu temor perante o perigo que a actitude ameazadora de Israel puidese significar para a integridade moral e física das persoas que integran esta misión solidaria". Neste senso, reclamaban das autoridades galegas a súa intervención perante o Ministerio de Asuntos Exteriores español á fin de "adoptar as medidas necesarias para garantir a seguranza da cidadá galega e do resto das persoas que fan parte desta misión humanitaria". Unha petición, sinalan nun comunicado de imprensa que "nen o Sr. Núñez Feijóo nen a Sra. Rojo tiveron a ben responder". 

O Bloque exixe accións no Congreso e o Parlamento

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e a deputada no Congreso español, Rosana Pérez, amosaron en comparecencia de imprensa a "máis enérxica repulsa" polo apreixamento da III Flotilla da Liberdade por parte da armada israelita. 

Desde a organización frontista denuncian a violación do dereito internacional que supón a abordaxe dunha embarcación civil en augas internacionais e exixiron a "inmediata liberación" da portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, e das demais persoas que viaxaban no Marianne. 

Neste senso, Rosana Pérez sinalou que xa amosaran o seu posicionamento perante o Ministerio español de Exteriores a quen exixen reaxa a esta "acción ilegal" garantindo a seguridade da tripulación ao tempo que se axilicen os trámites para o regreso Ana Miranda a Galiza. 

Jorquera: “Feijóo debe dar a cara ante os problemas do país e ante as vulneracións dos dereitos básicos dos cidadáns”

Pola súa banda, Francisco Jorquera anunciou que presentarán unha Declaración Institucional esta terza feira (30 de xuño) na Xunta de Portavoces do Parlamento galego demandando "a súa repulsa ante estes graves feitos" e a rectificación a respeito das reclamacións do pobo palestiniano. Cumpre lembrar que o Partido Popular rexeitou apoiar a tradicional declaración de apoio a Palestina promovida por BDS-Galiza e presentada polo BNG. 

Aliás, o grupo parlamentar nacionalista reclama que o presidente da Xunta garanta os dereitos de  Ana Miranda, única galega do barco apreixado polas autoridades de Israel. Ser presidente da Xunta, dixo Jorquera, non consiste só en preparar titulares de prensa e facer de comentarista político, debe   “dar a cara ante os problemas do país e ante a vulneracións dos dereitos básicos dos cidadáns” polo que instou a Feijóo a asumir as súas responsabilidades e  emprender “cantas accións sexan necesarias” para denunciar este ataque aos dereitos humanos e “garantir a posta en liberdade da nosa compañeira, Ana Miranda, única cidadán galega no buque apreixado polo Estado de Israel”.

Comentarios