Os EUA impulsan un boicot a medio gas aos Xogos Olímpicos de Inverno en Beixín

As e os atletas do país participarán na competición deportiva malia o boicot diplomático anunciado polo Goberno de Joe Biden. A China reclama que superen “a súa mentalidade ao estilo Guerra Fría” e a súa intención de “crear divisións e provocar a confrontación”.

Apertura dos Xogos Olímpicos de Inverno de Pyeongchang (República de Corea) en 2018, predecesores dos de Beixín. (Foto: Korea.net)
photo_camera Apertura dos Xogos Olímpicos de Inverno de Pyeongchang (República de Corea) en 2018, predecesores dos de Beixín. (Foto: Korea.net)

A última hora da segunda feira nos Estados Unidos (madrugada na Galiza), a secretaria de prensa da Casa Branca, Jen Psaki, confirmou o boicot diplomático aos Xogos Olímpicos de Inverno en Beixín (China), que decorrerán en 2022.

Así e todo, aínda que ningún alto cargo do país norteamericano se desprace até o evento, as e os seus atletas poderán participar baixo a súa bandeira tanto nos XXOO como nos Xogos Paralímpicos.

Psaki xustificou a decisión nas supostas violacións dos dereitos humanos cometidas pola China en contra do pobo uigur, na provincia de Xinjiang, e sostén que con esta medida pretenden amosar que non queren “contribuír á fanfarra do xogo”.

Asemade, aseverou que están á espera de que outros Estados anuncien a súa decisión nos vindeiros días e semanas, argumentando que non optaron polo boicot total para non penalizar as e os deportistas estadounidenses.

Na rolda de prensa tamén advertiu ao sector privado que ten que “tomar decisións sobre as súas prácticas”, así como que “sexa plenamente consciente e opere con toda a información con respecto ao que está a acontecer”.

A resposta das autoridades chinesas non se fixo agardar, pouco  despois do anuncio a misión do país asiático na Organización das Nacións Unidas publicaba un comunicado no que solicitaba aos EUA que superen “a súa mentalidade ao estilo Guerra Fría” e a súa intención de “crear divisións e provocar a confrontación”.

Ao tempo, cualificou o boicot de “farsa política”. O éxito da cita deportiva “non recae na asistencia duns cantos altos cargos de varios países”, incidiu Liu Pengyu, da embaixada da China en Washington.

Política e deporte

Esta terza feira, o voceiro do Ministerio de Exteriores, Zhao Lijian, reclamou aos EUA que “deixen a política fóra do mundo do deporte” e alertou de que Beixín “tomará todas as medidas necesarias”. Zhao considerou que o “plan para tratar de obstaculizar a organización dos XXOO fracasou e leva a unha perda de autoridade moral e credibilidade” dos norteamericanos.

No que atinxe ás relacións bilaterais, que se atopaban nunha pequena fase de desxeo despois da xuntanza a mediados de novembro entre Joe Biden, presidente dos EUA, e o mandatario chinés Xi Jinping, Zhao asegurou que implicará “danos” no diálogo e na cooperación mutua.

Após a Organización do Tratado Atlántico nomear a China como o seu principal rival, sumado a Rusia, multiplicáronse as campañas mediáticas contra os dous países.

Este boicot diplomático estaba sendo pedido polos dous partidos dos EUA nas últimas semanas. Porén, o Goberno chinés nega as acusacións sobre a situación en Xinjiang, e relata que se atopan inmersos nunha loita contra grupos terroristas que actúan na rexión, destacando que as condicións dos dereitos humanos no territorio son mellores por exemplo que en lugares como a base militar de Guantánamo, onde encerraron a varios uigures.

Unha democracia enferma

Ao transcender a noticia, os xornais chineses publicaron duros artigos en contra da medida. O South China Morning Post proclamou que a “democracia foi a escusa para que os EUA avancen e manteñan a súa hexemonía”, unha democracia que definiu como “enferma” pola militarización das forzas policiais, un sistema de prisións corrupto e brutal, o racismo sistémico e a politización da xustiza.

Unha decisión inédita desde os XXOO de 1980

A última ocasión na que os Estados Unidos tomaron unha decisión semellante foi nos XXOO de Moscova en 1980, cando efectuaron un boicot completo prohibindo aos seus deportistas a participación e xustificándose na colaboración militar da Unión Soviética en axuda do Goberno afgán durante a guerra civil.

Isto provocou un boicot da Unión Soviética e de boa parte dos países do campo socialista nas vindeiras olimpíadas, que decorreron en Los Angeles (EUA) en 1984.

Thomas Bach, presidente do Comité Olímpico Internacional, defendeu que a entidade tamén é "politicamente neutral nesta cuestión".

Comentarios