Disputa entre a China e os EUA polas armas nucleares

Washington estima que a China chegará a contar con 1.000 oxivas nucleares en 2030, valoración que o país asiático considera unha “manipulación” orientada a “inflar a tese da China como ameaza nuclear”.
Mísil nuclear intercontinental dos Estados Unidos. (Foto: U.S Air Force / SSGT Jonathan Snyder)
photo_camera Mísil nuclear intercontinental dos Estados Unidos. (Foto: U.S Air Force / SSGT Jonathan Snyder)

A publicación do informe Avances militares e de seguridade da China por parte do Departamento de Defensa dos Estados Unidos (EUA) abriu un novo capítulo na disputa co país asiático, ao que acusa de fortalecer “a súa capacidade para loitar e gañar guerras contra un inimigo forte, coaccionar a Taiwán e aos demandantes rivais en debates territoriais e contrarrestar a intervención dun terceiro en conflitos na periferia da China”.

Nesta liña, fai unha estimación da súa capacidade nuclear alertando de que en 2030 Beixín posuirá até mil oxivas nucleares, superando os cálculos feitos polo Pentágono en exercicios pasados.

Arsenais nucleares

Até no caso de que o arsenal chinés chegue a esas cifras, estaría moi lonxe do dos Estados Unidos, que conta con 5.550 armas nucleares, ou de Rusia, que ten 6.255, recolle o Instituto Internacional de Estocolmo para a Investigación da Paz. Ambos os dous acumulan o 90% das oxivas nucleares no planeta.

A resposta non se fixo agardar, o voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores da China, Wang Wenbin, indicou onte que o documento ignora a realidade e “está cheo de prexuízos”.

Asemade, salientou que é un intento de “manipulación” e de “inflar a tese da China como ameaza nuclear”, sinalando aos EUA “como a maior fonte mundial de ameaza nuclear”.

Armas hipersónicas

A polarización de Washington con respecto a Beixín, remarcado como o rival principal do país, o que estendeu á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), agravouse coa chegada de Donald Trump á Presidencia, mais mantense con Joe Biden na Casa Branca.

O presidente do Estado Maior Conxunto dos EUA, Mark Milley, advertiu hai un mes que a China está “moi preto” de asumir o liderado no eido militar baseado nas demostracións das armas hipersónicas.

Amais, a situación de Taiwán, que a China considera parte integral do seu territorio, sigue a constituír un foco de conflito entre os Estados pola presenza militar dos EUA na illa. En outubro, Tsai Ing Wen, a líder taiwanesa, recoñeceu que contaban con adestradores do Exército estadounidense para preparar as súas propias Forzas Armadas.

Comentarios