luns 06/12/21

Reunión entre Biden e o "asasino" Putin

Primeiro cara a cara entre os presidentes de Estados Unidos e Rusia.
EuropaPress_3775948_handout_12_june_2021_russia_moscow_russian_president_vladimir_putin
O presidente de Rusia, Vladimir Putin, durante un acto oficial na súa residencia oficial, o Gran Palacio do Kremlin (Foto: Kremlin / dpa)

O pasado 17 de marzo, nunha entrevista en ABC News, o presidente dos EUA, Joe Biden, referíase ao seu homólogo ruso como un "asasino". "Fai falla un para recoñecer un", contestaba horas despois, Vladimir Putin, que onte noutra entrevista retranqueaba co asunto e enmarcaba esa "dura retórica" dentro da cultura política estadounidense de "machote de Hollywood". 

Biden e Putin veranse cara a cara, mañá en Xenebra, por primeira vez desde que o primeiro chegou á Casa Branca cun discurso hostil cara a Moscova, lonxe do laissez faire que practicaba o seu predecesor, Donald Trump. Será ademais só unhas horas despois de, onte, entraren en vigor as sancións impostas por Washington en abril para restrinxir o acceso á débeda soberana rusa.

Biden chega con varios temas na gabeta: ciberataques, supostas interferencias nas eleccións, guerra en Siria e conflito con Ucraína. O obxectivo, segundo afirmou, é facerlle ver a Rusia "que hai consecuencias por violar a soberanía das democracias nos EUA, en Europa e noutros lugares".

"Fomos acusados de interferencia electoral, de ciberataques... e nin unha soa vez se molestaron en presentar algún tipo de proba", retrucou Putin na entrevista emitida onte por NBC News. "Sorpréndeme que aínda non se nos acusase de provocar o movemento de Black Lives Matter", engadiu.

De Siria a Ucrania

Preguntado polas críticas de Biden, que sinalou a Rusia como causante de aumentar a inestabilidade global, Putin acusou os EUA de facer o mesmo en Siria, Libia e Afganistán. E a respecto dos recentes movementos militares rusos preto da fronteira con Ucraína, argumentou que Rusia o que fixo é desenvolver exercicios militares dentro do seu territorio. Neste sentido, lembrou que a OTAN realiza habitualmente exercicios militares preto das fronteiras rusas e os propios EUA tamén o fan en Alaska.

Molesto coa pregunta de se era unha "coincidencia" que varios dos seus rivais políticos fosen asasinados nos últimos anos, respondeu que "non temos ese tipo de hábito", contrapoñendo o encarceramento de Alekséi Navalni co medio milleiro de arrestados durante o asalto ao Capitolio en xaneiro, e que segundo Putin son obxecto dunha "persecución polas súas opinións políticas". 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A "ameaza" chinesa, oficializada

A xuntanza de Biden e Putin de mañá pon o ramo á viaxe diplomática do primeiro a Europa, iniciada na fin de semana co cume do G7 ─as sete democracias liberais máis industrializadas─; e seguida onte pola reunión no seo da OTAN ─a alianza militar de países occidentais impulsada durante a Guerra Fría─. 

A "ameaza" de Rusia e da China foi o leit motiv da rolda diplomática, ao que arrastrou os seus aliados económicos e militares. O domingo, ao termo da reunión do G7, dixo de Putin que "os autócratas teñen un poder enorme e non teñen que responder ante a opinión pública". Un G7 que censurou a China pola suposta violación dos dereitos humanos da minoría uighur, e polas tensións en Hong Kong e Taiwan. 

Beijing respondeu onte: "Non se debe interferir nos asuntos internos da China; a reputación da China non debe ser calumniada; e os intereses da China non deben ser violados". 

Tamén a OTAN ─historicamente centrada en Rusia─ condenou onte a Beijing pola rápida expansión do seu arsenal nuclear, pola opacidade na modernización do seu Exército e pola cooperación militar con Rusia.

Reunión entre Biden e o "asasino" Putin
comentarios