-Que supón para o PCCh e o Goberno chinés este centenario?
Trátase dun período histórico de importancia moi especial, non só para o PCCH senón tamén para toda a China e o mundo. Durante estes 100 anos sucederon asuntos sumamente importantes, o PCCh, dirixindo a todo o pobo chinés, atinxiu grandes éxitos na liberación e emancipación do seu pobo, na fundación da República Popular de China, no desenvolvemento e a construción do sistema socialista con peculiaridades chinesas, na gran causa da reforma e apertura e tamén na súa participación e importante contribución no mantemento da orde internacional, na práctica do multilateralismo e no mantemento da paz mundial e o fomento do progreso da humanidade.
Grazas o liderado do PCCh, o pobo chinés púxose de pé e puxemos punto final á era na que a China era humillada polas invasións estranxeiras, polas presións e humillacións das potencias estranxeiras, trátase dun gran sentimento nacional de conseguir a liberación, emancipación e a independencia do país e do seu pobo. Asemade, baixo o liderado do PCCh o pobo chinés conseguiu unha vida modestamente acomodada.
A meta que tiñamos para o primeiro centenario do noso partido era culminar a construción dunha sociedade modestamente acomodada e sacar a toda a poboación sumida na pobreza extrema, e logramos esta meta.
A China está a converterse nunha das potencias máis importantes, máis influentes no escenario internacional. Agora somos un dos cinco países membros permanentes do Consello de seguridade da Organización das Nacións Unidas, e ao mesmo tempo convertémonos na segunda economía máis grande e máis importante do mundo.
-Que retos se marca o PCCh para o futuro?
De acordo co noso líder, o señor Xi Jinping, secretario xeral do PCCh, tanto a China como o noso partido temos á fronte algúns riscos e desafíos nunca antes vistos. Agora o pobo ten unha demanda cada día máis exixente dunha mellor vida, subsistindo aínda un desenvolvemento insuficiente e desequilibrado, ademais desta demanda dunha mellor vida material a xente tamén reclama un nivel máis alto de democracia, de goberno, e unha mellor xustiza e equidade social ao tempo que un mellor medio ambiente.
Segundo Xi Jinping, o maior risco que corremos é unha dexeneración do noso propio partido. Iso quere dicir que temos que loitar aínda con firmeza contra o problema da corrupción, manténdonos firmes no noso principio de servir de todo corazón ao pobo, de apoiarnos no noso pobo e nunca afastarnos del. Procurar a felicidade para o pobo chinés e procurar a revitalización da nación chinesa sempre é a aspiración e a misión do PCCh.
Temos moita confianza en que baixo a dirección do PCCh poderemos superar todas as dificultades e retos, alcanzando éxitos aínda máis brillantes na causa do desenvolvemento da nación e do pobo chinés.
-Cales foron as claves do desenvolvemento de China despois de 70 anos de Goberno comunista?
A chave dos éxitos alcanzados polo PCCH pódese resumir en cinco puntos. Primeiro este partido persistiu en aplicar o marxismo sempre, como a teoría e o pensamento directriz do desenvolvemento do traballo. E aínda máis importante, soubemos combinar moi ben as teorías básicas do marxismo coas realidades da China, este é un punto sumamente importante, o PCCh sempre se adheriu o principio de buscar a realidade no medio dos feitos.
En segundo lugar, sempre persistimos na nosa meta, construír o comunismo e o socialismo, e para alcanzar esta meta os membros militantes do PCCh destacáronse polo seu espírito de sacrificio. Na época da revolución 3.700.000 militantes do PCCh sacrificaron a súa vida por esta causa.
O exemplo máis recente o temos durante a loita contra a pandemia de Covid-19, máis de 39 millóns de militantes comunistas participaron na primeira liña da loita contra a Covid-19, e perto de 400 membros do noso partido ofreceron a súa vida nesta loita.
O terceiro punto é o principio de servir de todo corazón ao pobo; facemos todo polo pobo, e facemos todo apoiándonos no pobo. O cuarto aspecto é que nunca deixamos de consolidar a construción e a administración do noso partido. E en último lugar, o PCCh ten unha visión mundial.
-Cal é a mensaxe do PCCh aos pobos do mundo?
Primeiro quero sinalar que o desenvolvemento de China nunca significa unha ameaza e un desafío para o mundo e para ningún outro país. A paz, a harmonía, son cousas xenéticas que a nación chinesa tivo ao longo da súa historia até hoxe en día. Non temos xenes de invadir outros países, e tampouco de practicar a hexemonía no mundo.
China sempre foi o construtor da paz mundial, o contribuidor ao desenvolvemento global e a defensa da orde internacional. Segundo, quero dicirlle que a China sempre trata de ser socio de cooperación de confianza co resto do mundo. E non queremos ser, nunca fomos e nunca seremos un rival sistémico que busca a confrontación con outros países. A China persistirá neste camiño de socialismo con peculiaridades chinesas e ao mesmo tempo respectamos totalmente a selección doutros países do seu propio sistema. Nunca exportaremos o noso sistema.
En terceiro lugar, desexamos traballar xunto co resto do mundo para practicar e defender o multilateralismo, defender a orde internacional que ten como o seu núcleo as Nacións Unidas.
Por último, China desexa manter e desenvolver unha cooperación a todos os niveis co resto do mundo, baseándose no principio de respecto mutuo e beneficio compartido.
Polo momento, a tarefa máis urxente para a humanidade é consolidar a nosa colaboración na loita contra a pandemia e contra a politización das vacinas. Tamén temos que mellorar a coordinación da nosa política macroeconómica para propoñer unha economía verde e dixital, así como mellorar o sistema de goberno global para alcanzar un desenvolvemento máis verde, máis sostíbel e máis xusto para toda a humanidade.