A Guerra Fría 2.0 entra en calor

A Casa Branca matiza as ameazas de Biden a respecto de Taiwán.
EuropaPress_3967131_28_september_2021_taiwan_taoyuan_soldier_stands_guard_as_chinook_helicopter
photo_camera Un soldado supervisa o voo dun helicóptero cunha bandeira xigante, de cara aos actos do Día de Taiwán, o 10 de outubro (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi / ZUMA)

"China, Rusia e o resto do mundo sabe que somos o Exército máis poderoso na historia do mundo", foi a reflexión realizada polo presidente dos Estados Unidos, Joe Biden. Sen deixar de ser certa ─que, polo momento, o é─, manifestala ante millóns de persoas nun programa de TV adquire outro cariz.  

Máis aínda despois de ser cuestionado por unha posíbel intervención militar contra a China en caso de que Beijing decidise empregar o uso da forza para retomar o control de Taiwán. "Si, temos un compromiso para facer iso", respondeu Biden. 

A entrevista, nun formato en que se combinan as preguntas de xornalistas coas de cidadáns, desenvolveuse na noite da quinta feira (madrugada galega da sexta). Town Hall é o nome do programa da cadea CNN en que o presidente estadounidense volveu querer sacar músculo ante a "ameaza chinesa".

Un portavoz da Casa Branca saíu pouco despois á palestra para matizar que coas súas palabras, Biden "non estaba a anunciar mudanza ningunha na nosa política". A relación militar dos EUA con Taiwán guíase pola Lei de Relacións con Taiwán. 

Este acordo bilateral estabelece o compromiso de Washington de facilitar medios ─armamento e  intelixencia─ para se poder defender en caso de ataque. Non obstante, EUA segue desde hai décadas a liña da coñecida como "ambigüidade estratéxica". É dicir, non facer explícito se interviría directamente nun hipotético conflito bélico Beijing-Taipei.

As declaracións de Biden na CNN rachan con esa política, aínda que non é a primeira vez: en agosto unhas declaracións similares foron tamén posteriormente matizadas pola Casa Branca.

"Unha única China"

A Guerra Civil chinesa finalizou en 1949 coa vitoria da China comunista. O Goberno nacionalista, controlado por Chiang Kai Shek e o Kuomintang, canda máis dun millón de persoas opostas ao Goberno comunista, abandonou o continente e instalouse en Taiwán, autoerixíndose como "a auténtica China".

Para a China continental, a día de hoxe, Taiwán continúa a ser o seu principal conflito territorial e diplomático, e nunca desbotou a posibilidade de empregar o uso da forza co fin de retomar o control sobre "a illa rebelde" no caso de que declare a independencia. 

A política de "Unha única China" estabelece que hai un único Estado soberano que inclúe, entre outros, os territorios de Hong Kong, Macau e Taiwán. Beijing obriga a este recoñecemento en contrapartida ao estabelecemento de relacións diplomáticas. 

Desde 1979, EUA asume esta política e recoñece as aspiracións soberanistas de Beijing sobre Taiwán. Non obstante, Washington conservou as relacións non-diplomáticas coas autoridades da illa. "Continuaremos a nos opor ás mudanzas unilaterais no statu quo", declarou onte o portavoz da Casa Branca.

Horas despois, tamén se pronunciou o Goberno chinés, pedindo aos EUA "non enviar os sinais equívocos ás forzas independentistas de Taiwán, para evitar un dano serio ás relacións sino-estadounidenses e á paz e á estabilidade no Estreito de Taiwán", en palabras de Wang Wenbin, portavoz do Ministerio de Exteriores, recollidas pola axencia Xinhua.

"Pivot to Asia"

As manobras militares nesta zona marítima son habituais e incrementáronse nos últimos meses, tanto por parte de barcos chineses como estadounidenses, elevando a temperatura desta segunda edición da Guerra Fría. Conflito latente que se vén xestando desde a época do ex presidente Barack Obama ─con quen Biden foi vicepresidente os oito anos de mandato─ coa política "Pivot to Asia". Isto é, destinar o groso das forzas diplomáticas e militares a conter o avance da influencia chinesa na rexión. Nesta estratexia enmárcase a recente retirada do Afganistán.

Biden insistiu esta sexta feira en que non son os EUA quen buscan a confrontación. "Eu non quero unha Guerra Fría coa China. Só quero que a China entenda que non imos retroceder", sinalou. Porén, as declaracións hiperbólicas parecen estar puxando no sentido contrario. 

O Goberno taiwanés ─que agradeceu as palabras de Biden─ sinalou hai unhas semanas que as tensións militares entre Taiwán e a China están "no peor momento en 40 anos", e que Beijing podería invadir a illa en 2025. Tamén o presidente estadounidense ameazou en Town Hall: "Do que se hai que preocupar é se van ou non van emprender accións [a China ] que os porían nunha posición en que poden cometer un serio erro".

Derrota electoral de Xi

Se ben tras a chegada de Biden á Casa Branca, as tensións no Estreito de Taiwán foron infladas artificialmente alén das ameazas reais, non axudaron declaracións previas como as do presidente chinés, Xi Jinping, a inicios de 2020, na era a.C. (antes da Covid). O 2 de xaneiro dese ano, nun discurso conmemorativo dirixido a Taiwán, reclamou a illa como unha provincia máis e ameazou con empregar a forza en caso necesario. 

Discurso xa coñecido, mais que cobrou especial importancia pola coincidencia temporal coas presidenciais en Taiwán, onde a independentista Tsai Ing Wen renovou o cargo derrotando a Han Kuo-yu, o candidato pro-Beijing, que un ano antes lideraba as enquisas en 20 puntos. 

Xa na era d.C., o embaixador da China na ONU, Zhang Jun, aseguraba poucas horas antes da entrevista a Biden que buscaban a "reunificación pacífica". Facíao tras a aprobación por parte de máis de 80 países dunha resolución criticando "a interferencia nos asuntos internos da China baixo o pretexto dos dereitos humanos", en referencia aos conflitos en Hong Kong, Xinjiang e o Tibet. 

"Non somos os que buscamos pelexa. Ao contrario, algúns países ─en particular, os EUA─ están a realizar accións perigosas, levando a situación no Estreito de Taiwán por un camiño perigoso", dixo. E engadiu: "Arrastrar Taiwán a unha guerra non interesa a ninguén. Non vexo que EUA poida gañar nada con iso".

A China e os EUA están a negociar unha xuntanza entre Biden e Xi para o mes de novembro.

Carreira polos mísiles hipersónicos

Os mísiles hipersónicos poden voar a unha velocidade superior a Mach 5 (cinco veces a do son) e a alturas que os fan dificilmente detectábeis polos radares. Un proxectil de longo alcance, capaz de transportar armamento nuclear, moi difícil de neutralizar e, polo tanto, extremadamente perigoso. Actualmente está a ser desenvolvido polos EUA, Rusia e a China, con maior éxito para estes dous últimos países. O 'Financial Times' revelou o 16 de outubro que o Exército chinés probara con éxito en agosto pasado un destes mísiles, que foi capaz de rodear o globo, "collendo a intelixencia dos EUA por sorpresa". O Pentágono recoñeceu na quinta feira nun comunicado que o seu último test fracasara.

Comentarios