Os veciños da Estrada e A Pobra do Brollón atrapados no Perú emprenden a viaxe de volta á Galiza

O alcalde brollonés, Xosé Luís Maceda, agradece as xestións á Subdelegación do Goberno en Lugo e a eurodeputada do BNG, Ana Miranda: "Foron quen moveron os fíos para trasladalos a Lima, a través dun avión militar das forzas aéreas".
Protestas na capital do Perú, Lima (Foto: Lucas Aguayo Araos / dpa).
photo_camera Protestas na capital do Perú, Lima. (Foto: Lucas Aguayo Araos / DPA)

Os catro veciños da Estrada e tres da Pobra do Brollón que estaban atrapados no Perú, por mor das protestas orixinadas pola destitución e detención do presidente Pedro Castillo, viaxan esta terza feira nun voo a Madrid, desde onde voltarán á Galiza nas próximas horas. O alcalde da Pobra, Xosé Luís Maceda, celebra a chegada ao aeroporto de Barajas dos seus tres veciños —dous mozos, Adrián e Jara, e o pai desta última, Fernando— que se producirá contra o mediodía. Tras a aterraxe teñen previsto viaxar xa ao seu municipio.

Malia que Maceda testemuña que "non" o pasaron mal, si que lles pesou "a incerteza" e os gastos "engadidos" por ampliar a súa estadía e a perda de "voos" para voltar á casa. "O problema era a incerteza, dada a situación política que atravesa o Perú, de cando poderían regresar ao Estado español. Estiveron ben e non viviron situacións de violencia", constatou.

Si que tiveron que padecer "o bloqueo de estradas por parte dos manifestantes e tamén do aeroporto de Arequipa, que estaba inoperativo e iso dificultaba que puidesen regresar". "Isto produciu incerteza, non sabían cando podían volver. Ademais, supoño, a cuestión económica, porque había que estar máis días dos previstos, perderon voos e é un gasto engadido", subliñou.

Os tres viaxaran ao Machu Picchu "e a cidade máis próxima é Arequipa, que é a segunda máis importante do Perú e está a 1.000 quilómetros de Lima, a 18 horas en autobús e hora e media en avión". Maceda puntualizou que a volta foi xestionada "a través da Subdelegación do Goberno español en Lugo e da mediación da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que tiña contactos no Perú". "Foron eles os que moveron os fíos para trasladalos a Lima, a través dun avión militar das forzas aéreas" do país.

De igual modo, no mediodía desta terza estaba tamén prevista a chegada de catro mozos da Estrada, dous homes e dúas mulleres, que viaxaran ao país latinoamericano para asistiren á voda dun amigo e a súa noiva peruana, que viven no seu mesmo concello, e logo aproveitaron para facer turismo.

Tal e como relatou a Europa Press o alcalde estradense, José López, estaban en Aguas Calientes, un pobo próximo ao Machu Picchu, e alí quedaron retidos nun hotel "sen información e sen poder saír de alí" dado o estado de emerxencia decretado polo novo Goberno. Entón, decidiron emprender unha viaxe a pé a Cuzco, de varias horas de duración, no medio dun numeroso grupo de turistas que se viron co mesmo problema.

Unha vez en Cuzco atoparon o aeroporto fechado, aínda que "a situación foi mellorando" e finalmente puideron voar até Lima. Xa desde alí, entre a segunda e a terza feira, voan de volta a Madrid para, nas próximas horas, estar de volta na casa.

Comentarios