Estado Islámico: o Califato patrocinado polo Imperialismo

Nacido no seo de Al-Qaeda, da que se escinde, o EI está a sementar o terror en Siria e no Iraque. O grupo foi armado e financiado polas potencias occidentais.

Daesh
photo_camera O Estado Islámico ten proxectado expandirse polo Mediterráneo.

A proclamación o pasado 29 de xuño dun califato islámico puxo os focos no grupo yihadista sunita Estado Islámico do Iraque e Levante, agora presentado apenas como Estado Islámico (EI, IS en inglés, DAESH en árabe). O EI controla unha importante faixa de territorio sirio e iraquiano na que impoñen a sharia islámica. Conta con máis de 10.000 combatentes, unha cantidade importante de armamento pesado --entregado polas potencias occidentais-- e até 2.000 millóns de dólares, provenientes do financiamento estranxeiro á “oposición siria”, e do negocio petroleiro nas zonas baixo o seu control. As súas accións armadas, nas que se inclúe a brutal violencia contra a poboación civil que non se someta aos seus postulados, provocou xa varios milleiros de mortos e o deslocamento de cando no mínimo medio millón de persoas --só nos arredores da cidade iraquiana de Mosul-- segundo recoñeceu a propia ONU.

Malia que se presenta como un fenómeno recente, o Estado Islámico ten unha actividade que se remonta ao ano 2006. O 13 de outubro dese ano, tras a morte de Abu Musaab al Zarqawi, líder de Al-Qaeda no Iraque, os seus seguidores crean unha nova estrutura, o Estado Islámico do Iraque. Coincidindo coa participación deste grupo nas accións insurxentes en Siria amplían a súa denominación á de Estado Islámico do Iraque e Levante. Foi o seu actual lider Ibrahim al-Badri, coñecido como Bakr al-Baghdadi, quen decidiu formalmente rachar relacións con Al-Qaeda para logo autoproclamarse “Califa Ibrahim” e “caudillo” do Estado Islámico.

O Califa de McCain

Mais quen é en realidade o Califa Ibrahim? Thyerry Meissan descríbeo como “un mercenario do príncipe saudita Abdul Rahman al-Faisal, financiado por Arabia Saudita, Qatar e os Estados Unidos, para perpetrar tranquilamente todos os horrores que os Estados non poden cometer”.

O senador estadounidense John McCain, presidente desde 1993 do International Republican Institute (IRI), unha axencia intergubernamental –disfrazada de ONG de orientación neocon—que foi fundada por Ronald Reagan e a través da que os EUA desenvolven accións de intelixencia, mantivo un encontro en maio de 2013 en territorio sirio co que daquela denominaban “oposición armada”. Na xuntanza, entre outros, participou al-Baghadadi , a pesar de ser un dos cinco terroristas máis buscados pola xustiza norteamericana xa na altura de outubro de 2011. John McCain ten sido sinalado como un dos principais actores nas chamadas “revolucións de cor” patrocinadas polos EUA.

Unha información do xornalista Mark Hosenball, publicada pola axencia de noticias Reuters, aseguraba que en xaneiro deste ano o Congreso estadounidense acordou, en sesión secreta, financiar até o próximo mes de setembro os grupos yihadistas Fronte al-Nusra (integrado en Al-Qaeda)e o Estado Islámico. Para alén do máis, o ex analista da NSA Eduard Snowden revelou recentemente que o nacemento do EI foi deseñado polos servizos de intelixencia dos EUA, Reino Unido e Israel, dentro dunha estratexia nomeada en documentos da axencia como “niño do avespón”. O duplo discurso a respecto destes grupos por parte da administración norteamericana sería unha hipocrisía deliberada. “Dun momento para o outro, ao pasar a fronteira da Siria para o Iraque, o Estado Islámico pasou de ‘rebelde’ a terrorista no léxico de Washington e Londres” asegura o xornal portugués Avante nunha crónica internacional. O goberno británico non decidiu declarar ilegal o Estado Islámico e prohibir o seu financiamento até o pasado 16 de agosto.

A nova Pax Americana

Analistas como Julie Lévesque inscriben o apoio estadounidense ao xurdimento deste tipo de grupos yihadistas á estratexia coñecida como “caos construtivo”, nova forma da vella e imperialista Pax Américana, que se estaría a aplicar en forma de “balcanización” da rexión co obxecto de crear “un campo de inestabilidade, de caos e de violencia que se extenda desde o Líbano, Palestina e Siria ao Iraque, o Golfo Pérsico, Irán e as fronteiras de Afganistán que mantén a OTAN”. “Créanse estados fallidos como paso previo ao espolio de recursos”, denuncia a experta en Oriente Próximo, Nagham Salman. A partir dese caos daríanse as condicións para tornar en realidade o proxecto “Novo Grande Medio Oriente”, promovido desde Washington e Tel Aviv. “O obxectivo final é debilitar o movemento de resistencia contra a ocupación estranxeira por medio da estratexia do divide e vencerás”, enfatiza Lévesque. 

Texto publicano no semanario Sermos Galiza nº111, 28 agosto de 2014.

Comentarios