Covid: España e Portugal pactan a suspensión dos voos con Reino Unido

A medida chega despois de coñecer a posición da Unión Europea e de que outros Estados membro blindaran as súas fronteiras para evitar a expansión desta nova cepa de coronavirus.
Imaxe dunha pantalla informativa nun aeroporto. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)
photo_camera Imaxe dunha pantalla informativa nun aeroporto. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)

Despois de moitas horas de debate social e de que outros países tomaran a decisión, o Goberno do Estado español anuncia que acordou de maneira conxunta con Portugal a supresión dos voos de entrada desde Reino Unido desde esta terza feira.

Tamén se decidiu incrementar os controis nas fronteiras con Gibraltar, territorio do Reino Unido onde xa se detectaron os primeiros casos desta nova variante da Covid-19 que é máis rápida no contaxio.

A medida é unha resposta contra a nova cepa de coronavirus detectada no país, se ben permitirase que cheguen á casa cidadás españolas e residentes no Estado.

As limitacións ás viaxes en avión procedentes do Reino Unido chegan após da reunión do comité de crise da Unión Europea, que esta segunda feira analizou os efectos que está a ter a nova cepa. Europa pediu que se “eviten as viaxes non esenciais”.

Mentres que outros países (até 15) xa fecharan as súas fronteiras para impedir a expansión do virus modificado -que, de momento, non implica maior letalidade segundo as e os expertos-, o Executivo de Pedro Sánchez optou por agardar a coñecer a opinión de Bruxelas.

Fronte á estratexia da propia Bélxica, Austria, Letonia, Italia, Francia, Dinamarca, Suecia ou Finlandia, entre outros, a vicepresidenta Carmen Calvo aludiu ao carácter “moi europeísta” do Goberno na liña da sociedade á que representa.

Reacción semellante

“Gústanos moito que os asuntos que afectan toda Europa sexan prudentes e equilibrados, e que o conxunto de Europa reaccione por igual fronte a calquera circunstancia dun país que decidiu abandonar a UE”, incidiu.

Nun comunicado, desde Moncloa defenden o tempo de agarda para ter unhas medidas “coordinadas” como a tomada conxuntamente polo Estado español e Portugal. Ambos gobernos están en conversas a distintos niveis, tanto das presidencias como de distintos ministerios.

Malia a polémica por unha posíbel resposta tardía, Calvo lembrou que aquí xa era “obrigatorio que todo pasaxeiro procedente de países ou zonas de risco realice unha Proba Diagnóstica de Infección Activa (PDIA)”.

Comentarios