O Reino Unido, illado de Europa pola nova cepa do coronavirus

A rápida expansión polo Reino Unido fai reaccionar á Unión Europea que fecha as súas fronteiras. Aínda non hai datos para afirmar que sexa máis perigosa que a coñecida aínda que si se sabe da súa velocidade de propagación. O Comité de Medicamentos Humanos da Axencia Europea do Medicamento autoriza a vacina de Pfizer e BioNTech.
Dúas persoas cruzan a ponte do Milenio en Londres (Dominic Lipinski / PA Wire / dpa)
photo_camera Dúas persoas cruzan a ponte do Milenio en Londres (Foto: Dominic Lipinski / PA Wire / dpa)

A aparición dunha nova variante do coronavirus nalgunhas zonas do sur de Inglaterra e Londres desde hai uns días mudou por completo o avance na loita contra a pandemia no Reino Unido e xa está a afectar nalgunhas decisións ao resto de Europa. A imaxe das primeiras vacinacións realizadas polo Goberno de Boris Johnson quedaron en segundo plano ao espallarse unha nova cepa do virus da que xa hai máis de 1.000 casos, incluídos algúns en Xibraltar.

Por este motivo as autoridades británicas introduciron novas restricións que afectan uns 21 millóns de habitantes. Ademais, o número de novos contaxios aumentaron o pasado domingo en 35.928, case o dobre dos casos rexistrados hai unha semana. 

O propio ministro de Sanidade británico, Matt Hancock, recoñecía este domingo que a situación estaba “fóra de control”, polo que as medidas implicarían o fechamento perimetral e a paralización non esencial polo menos durante dúas semanas. Nestas circunstancias a poboación ten que manterse nas súas vivendas con excepción de cando realicen as compras esenciais ou fagan exercicio. No exterior só poderán ter contacto individual con outras persoas e non poderán viaxar fóra do país. 

Fronteira fechada

O reino está agora máis illado. A decisión de París de fechar a fronteira con Francia impide a circulación de mercadorías na ruta Calais-Dover a milleiros de camións, 6.000 segundo fontes británicas. Esta circunstancia podería representar, a poucos días das datas principais destas festas de Nadal, un posíbel desabastecemento de produtos que cheguen do continente, como xa aseguran algunhas grandes superficies comerciais.

Máis propagación, igual perigosidade 

A variante da Covid-19 ten un nivel de transmisión moito maior, ao redor de 70% máis, aínda que a comunidade científica non ten probas de que sexa máis letal para o ser humano. Segundo o director científico do Goberno británico, Patrick Vallance, a súa orixe podería estar en Londres ou no condado de Kent, no mes de setembro. 

A reacción dalgúns países da UE foi a de tentar frear a propagación fechando as vías de comunicación co Reino Unido. O Executivo neerlandés de Mark Rutte foi o primeiro en prohibir os seus voos procedentes dos aeroportos británicos desde este pasado domingo e até o 1 de xaneiro. Onte sumáronse vetos semellantes de 20 países da UE, entre eles Francia, Alemaña e Italia, e tres extracomunitarios como Suíza, Noruega e Rusia.

Aprobada a vacina de Pfizer pola UE

O Comité de Medicamentos Humanos da Axencia Europea do Medicamento anunciou hoxe, a través da súa directora executiva Emer Cooke, que autorizaba a comercialización da vacina de Pfizer e BioNTech contra a Covid-19. Con este paso a Comisión Europea agarda rematar o proceso formal de aprobación mañá. Os estados membros comezarán a recibir as doses este sábado 26 de decembro, para iniciar as campañas de vacinación o domingo 27.

Na avaliación deste organismo analizouse desde outubro toda a información facilitada pola farmacéutica con información clínica. Durante o anuncio, que se realizou de maneira telemática, Cooke asegurou que  non teñen datos de que a vacina aprobada non funcione coa nova cepa que xurdiu no sur do Reino Unido.

Comentarios