Elevan a 880.000 a cifra de persoas afectadas polas inundacións en Libia

Máis de 40.000 tiveron que abandonar os fogares.
Edificio destruído en Derna, Libia, por mor das inundacións. (Foto: Hamza Turkia / Europa Press / Contacto)
photo_camera Edificio destruído en Derna, Libia, por mor das inundacións. (Foto: Hamza Turkia / Europa Press / Contacto)

A Organización das Nacións Unidas (ONU) estima que máis de 880.000 persoas víronse afectadas polas inundacións que sufriu Libia hai máis dunha semana, ás que se suman no mínimo 40.000 persoas que tiveron que fuxir dos seus fogares, recolleron esta segunda feira medios internacionais.

Amais, a Media Lúa Vermella Libia negou a veracidade da cifra de 11.300 mortes polo desastre, que tivo o seu epicentro na cidade de Derna após rachar dous encoros, e trasladou que están “conmocionados ao ver o noso nome mesturado” con eses números, que “aumentan a confusión e angustia das familias dos desaparecidos".

O comunicado produciuse logo de que a raíz das inundacións diversas fontes ofreceran informacións contraditorias sobre as persoas falecidas, no contexto dun Estado dividido en dous Gobernos rivais, un co control do leste e o outro do oeste do territorio, como resultado da guerra civil -conxelada por un alto o fogo- que se desatou ao atacar Libia a Organización do Tratado do Atlántico Norte para acabar co liderado de Muammar al Gaddafi.

Comentarios