Mario Draghi aposta agora por seguir como primeiro ministro de Italia se a coalición permanece unida

Draghi presentou a súa dimisión a semana pasada, pero esta foi rexeitada polo presidente do país transalpino, Sergio Mattarella.
O primeiro ministro de Italia, Mario Draghi. (Foto: Europa Press)
photo_camera O primeiro ministro de Italia, Mario Draghi. (Foto: Europa Press)

O primeiro ministro de Italia, Mario Draghi, mostrouse esta cuarta feira disposto a continuar no seu cargo, despois de que o presidente da República, Sergio Mattarella, rexeitase a súa dimisión a mediados da semana pasada.

Neste sentido, Draghi vencellou a súa continuidade á fronte do Executivo italiano a que se manteña a unidade na coalición de unidade nacional que sustenta o seu Goberno.

"É necesario un paso firme e conxunto. Italia necesita un pacto de desenvolvemento concreto e sincero", manifestou o aínda primeiro ministro italiano, antes de pedir nunha comparecencia no Senado italiano o "apoio" para o seu Executivo.

Para Draghi, a coalición debe recuperar a "confianza" que lles "permitiu cambiar o país para mellor". "Están preparados para reconstruír este acordo?", preguntou aos representantes do Movemento 5 Estrelas (M5S), Forza Italia, a Liga e o Partido Demócrata (PD).

Crise de Goberno

A pasada semana, a decisión de Guiseppe Conte, dirixente do M5S, de non participar na votación dun paquete de medidas económico para facer fronte á crise de prezos en Italia provocou unha nova crise de Goberno no país transalpino, acostumado a que os seus Executivos non duren máis de dous anos.

O líder do M5S detallou que os parlamentarios e parlamentarias da súa formación "non participarían" na votación da pasada quinta feira "por coherencia", da mesma forma que xa non o fixeron na votación no Congreso da segunda feira, algo que obrigou o primeiro ministro, Mario Draghi, a reunirse de urxencia co presidente de Italia, Sergio Mattarella.

A decisión de Guiseppe Conte motivou que os líderes dos outros partidos políticos do país exixisen, en maior ou menor medida, o adianto electoral duns comicios que decorrerán, se todo segue o previsto, en 2023.

Neste contexto, Draghi optou nun primeiro momento por presentar a súa dimisión para evitar o adianto dos comicios. Unha renuncia que Mattarella non aceptou.

Comentarios