Que está a ocorrer en Italia? O Goberno de Mario Draghi, en risco de colapso

A maioría dos partidos italianos exixen un adianto das eleccións, que poderían rematar coa formación de extrema dereita Fratelli d'Italia como principal forza do país.
O primeiro ministro de Italia, Mario Draghi. (Foto: Europa Press)
photo_camera O primeiro ministro de Italia, Mario Draghi. (Foto: Europa Press)

Na tarde da quinta feira, a formación italiana Movemento 5 Estrelas (M5S), que forma parte da coalición de Goberno no país transalpino, anunciou que que se absterá na votación sobre medidas económicas que decorrerá hoxe no Senado.

En concreto, trátanse de varias partidas, nas que destaca o "Decreto Axudas", que destinará 26.000 millóns de euros para paliar a inflación en Italia, e que deben superar o segundo trámite para ser validadas.

O líder do M5S, Guiseppe Conte, detallou que os parlamentarios e parlamentarias da súa formación "non participarán" na votación desta quinta feira "por coherencia", da mesma forma que xa non o fixeron na votación no Congreso da pasada segunda feira, algo que obrigou o primeiro ministro, Mario Draghi, a reunirse de urxencia co presidente de Italia, Sergio Mattarella.

Porén, Conte matizou que esta decisión non implica que o M5S abandone a coalición de unidade nacional que mantén Draghi como primeiro ministro, senón que entra "nunha fase de Goberno completamente nova" porque as estas medidas económicas "son insuficientes" ao seu entender.

Os partidos exixen adianto electoral

A decisión de Guiseppe Conte motivou que os líderes dos outros partidos políticos do país exixisen, en maior ou menor medida, o adianto electoral duns comicios que decorrerán, se todo segue o previsto, en 2023.

Os primeiros en demandalo foron Matteo Salvini, da Liga, e Silvio Berlusconi, de Forza Italia, ao considerar que "a maioría (da coalición) xa non existe".  Estes dous partidos, xunto co M5S e o Partido Demócrata, que tamén pediu un adianto electoral, son as catro formacións que conforman a coalición do actual Goberno italiano.

O principal partido da oposición, os extremo dereitistas Fratelli d'Italia, sumáronse á petición de adiantar os comicios para a conformación dun novo goberno, coa previsión de converterse na primeira forza do país, segundo apuntan a maioría de sondaxes.

A súa dirixente, Giorgia Meloni, que aspira a converterse na líder da dereita italiana, chiou no seu Twitter que "guerra, pandemia, inflación, pobreza crecente, recibos máis caros, aumento das materias primas, riscos de abastecemento enerxético, crise alimentaria, E o Goberno 'dos mellores' está inmóbil en xogos de palacio. Basta, piedade".

Comentarios