Dous terzos da audiencia dan gañador Macron no bronco debate con Le Pen

Macron foi pintado por Le Pen como un tecnócrata sen alma, vasalo de Merkel e herdeiro de Hollande, o presidente francés pior valorado ao longo de toda a historia da V República. O candidato de En Marche retratou a líder ultra como "a sacerdotisa do medo". Acusáronse mutuamente de non teren proxecto para Franza.

lepen
photo_camera Un momento do debate

Un debate vibrante, sen tregua, por momentos bronco. Brutal, foi cualificado por Le Monde. Así foi o combate dialéctico entre Macron e Le Pen, probabelmente a cimeira da campaña. No substancial non vai modificar nada. En todo caso, podería supor un lixeiro freo para a candidata do FN, que estaba a remontar nos inquéritos (aínda que se mantiña a unha estratosférica distancia de 20 pontos do líder de En Marche). Unha sondaxe realizada ao remate do debate deu como claro gañador Macron (63 por cento face o 34).

O debate foi máis a forma do que o conteúdo. Non houbo surpresas no argumentario. Le Pen enarborou a bandeira francesa fronte á globalización e caricaturizou Macron como un mordomo de Merkel. "Franza vai ser gobernada por unha muller, ou por min ou por madame Merkel", rexoubou.

Macron estivo máis contido, probabelmente advertido pola súa equipa de asesores que neste momento lle convén o rol presidencialista. A súa liña de ataque non foi tanto advertir á audiencia do perfil ultra de Le Pen como pór de relevo a súa insolvencia técnica, a súa falta de propostas. Le Pen acusou Macron de non ser un recén chegado á política, de vestir as roupaxes do rexeneracionismo cando tivo unha participación activa nos gobernos de Hollande (foi o seu ministro de Economía de 2014 a 2016). Macron lembrou que nos últimos 40 anos sempre houbo un Le Pen (Jean Marie primeiro, a súa filla Marine agora) na contenda por presidir a República.

A batalla polo euro significou a maior baza dialéctica para Macron. Le Pen enleouse un chisco sobre a súa proposta ao respeito. Xa non defende abertamente a saída da moeda única (porque esa proposta a afastaría da grande maioría do eleitorado) e deu a impresión de que advogaba por unha sorte de coexistencia das dúas modeas, un franco recuperado e un euro transformado nunha "moeda común" e non ao servizo de Alemaña. Macron amartelou entón a súa rival co argumento de que iso non é tecnicamente posíbel.

O debate estendeuse ao longo de dúas horas e media. En realidade, ninguén perdeu. Macron reforzou o seu ar presidencialista. Le Pen fortificou a súa imaxe de única alternativa ao establishment, alén de emitir sinais (defendeu a xubilación aos 60 anos) claramente dirixidas a seducir o eleitorado de Mélenchon.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios