Rusia e Ucraína cruzan acusacións polo ataque que deixou 23 civís mortos en Zaporiyia

O ataque, producido esta sexta feira, deixou tamén perto dunha trintena de persoas feridas.
Estado no que quedaron os vehículos após o ataque desta sexta feira en Zaporiyia. (Foto: Ukrinform / DPA)
photo_camera Estado no que quedaron os vehículos após o ataque desta sexta feira en Zaporiyia. (Foto: Ukrinform / DPA)

Un ataque militar contra un convoi humanitario na rexión de Zaporiyia deixou esta sexta feira, cando menos, 23 civís mortos e arredor dunha trintena de persoas feridas.

As autoridades rusas e ucraínas cruzaron acusacións nas últimas horas, culpándose mutuamente do ataque mais coincidindo nas cifras de vítimas. "O inimigo lanzou un ataque con foguetes contra un convoi que saía dun centro rexional", apuntou o xefe da Autoridade Militar Rexional de Zaporiyia, Oleksandr Staruj.

"Só os terroristas poden facer iso", dixo Zelenski

Na mesma liña, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, acusou o "Estado terrorista de Rusia" de atacar a poboación civil en Zaporiyia, Mikolaiv e Dnipropetrovsk. "Os ocupantes dispararon 16 foguetes nunha mañá contra Zaporiyia", dixo, antes de engadir que "só os terroristas poden facer iso e non teñen lugar no mundo civilizado".

"O inimigo enfurece e busca vinganza pola nosa firmeza e os seus fracasos. Destrúe de forma cínica ucraínos pacíficos porque perdeu hai moito toda característica humana. Son lixo sedento de sangue. Responderán por cada vida ucraína perdida", afirmou Zelenski.

Pola súa parte, o administrador prorruso da rexión de Zaporiyia, Vladimir Rogov, culpou o Exército ucraíno do ataque. "Dispararon contra un grupo de coches que agardaban para trasladarse a territorio liberado á saída de Zaporiyia", dixo.

"É unha vinganza dos nazis", asegurou Rogov

"Os nazis estanse a vingar das persoas que hai só uns días realizaron unha masiva manifestación exixindo que se lles permita saír cara ao territorio liberado", engadiu Rogov.

Aliás, o xefe da Administración cívico-militar rexional, Vitali Gánchev, comunicou que o convoi viaxaba en coches sinalizados con marcas de 'Crianzas' e que, polo tanto, "as forzas ucraínas non puideron non ver cara onde disparaban".

Comentarios