O director da CIA confirma que frearon tamén a colaboración de intelixencia con Ucraína
John Ratcliffe, que encabeza a Axencia Central de Intelixencia estadounidense (CIA), transmitiu a cuarta feira que, ademais da subministración de armamento a Ucraína, tamén conxelaron a axuda na “fronte de intelixencia”, un elemento determinante para os militares ucraínos polo peso desa información nas accións bélicas. Porén, confiou en que despois da mudanza na postura ucraína esa “pausa” será eliminada.
Na madrugada, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, agradeceu no Congreso ao seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski, o envío dunha misiva na que aceptaba o liderado estadounidense nas negociacións de paz e propuña unha tregua parcial a Moscova, horas despois de entrar en vigor a suspensión dos envíos.
Con todo, non mencionou se os reactivará, após a reprimenda pública a pasada semana a Zelenski por "non estar listo para a paz".
Imperialismo
Malia que desta vez non apuntou cara ao Canadá, ao que tamén aspira a anexionar, si ameazou de novo Groenlandia e Panamá.
Do primeiro, reiterou que “dunha forma ou outra imos conseguilo”. “Non queremos ser estadounidenses, tampouco daneses, somo groenlandeses” e “non estamos en venta”, contestoulle Múte Egede, o primeiro ministro nacionalista da illa.
Sobre o canal de Panamá, asegurou que “imos recuperalo”, acusando falsamente á China de xestionalo, ademais de incidir en que “agora o estamos a recuperar”, despois de que BlackRock, un dos principais fondos de investimento mundiais, de carácter privado e con sede nos Estados Unidos, comprara o negocio portuario fóra da China de CK Hutchison Holding, a sociedade chinesa que gañou en 1997 a concesión para explotar dous portos en cadanseu extremo do canal.
