A China critica o uso "de métodos de presión e coerción" por parte dos Estados Unidos contra Panamá

O Goberno panameño remarca que non romperá relacións con Beijing
Un buque cruzando o canal de Panamá en 2023. (Foto: Autoridade do Canal de Panamá)
Un buque cruzando o canal de Panamá en 2023. (Foto: Autoridade do Canal de Panamá)

A China “condena firmemente que os Estados Unidos difamen e socaven a cooperación da iniciativa da Franxa e a Ruta mediante presión e coacción”, incidiu a sexta feira o voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores de Beijing, Lin Jian, que remarcou que o país asiático “lamenta profundamente” a decisión de Panamá de suspender a súa participación na iniciativa un día antes.

Tamén instou o Goberno do conservador José Raúl Mulino a “resistir as interferencias externas” e “ter en conta a relación bilateral a nivel máis amplo”, así como “os intereses a longo prazo de ambas as nacións”. 

En 2017, Panamá deixou de recoñecer Taiwán e iniciou as relacións diplomáticas coa China, coa que independentemente das presións estadounidenses Mulino reiterou que non romperá  os vínculos.

Panamá é un dos países que ameazou o presidente dos Estados Unidos Donald Trump, que non descartou a vía militar para facerse co control do canal.

O país centroamericano protagonizou a quinta feira un choque diplomático con Washington, despois de que o Departamento de Estado anunciara que “os buques gobernamentais dos Estados Unidos agora poden transitar polo canal de Panamá sen pagar taxas”, aforrándolles “millóns de dólares ao ano”

É unha “falsidade intolerábel”, afirmou Mulino, que explicou que un día antes comunicou o contrario ao secretario de Defensa dos Estados Unidos, Pete Hegseth, ao que detallou que é imposíbel eximir ninguén das tarifas para cruzar a vía transoceánica posto que é “unha limitación constitucional”.

O secretario de Estado de Washington, Marco Rubio, elevou a intensidade da disputa ao cualificar de "absurdo" que teñan que pagar.

Comentarios