A fenda entre países ricos e pobres, lonxe de reducirse, vai en aumento

A desigualdade na vacinación ameaza cun atraso dunha década no desenvolvemento

Tan só unha diminuta proporción das vacinas da Covid-19 foi administrada nos países en desenvolvemento, levando a un agrandamento da fenda entre ricos e pobres, segundo apunta o último informe elaborado polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).
O PNUD traballa con labregas sudanesas, que sufriron o impacto dos confinamentos pola Covid-19. (Foto: Ahmed Alsamani / PNUD)
photo_camera O PNUD traballa con labregas sudanesas, que sufriron o impacto dos confinamentos pola Covid-19. (Foto: Ahmed Alsamani / PNUD)

En setembro de 2021, a Organización Mundial para a Saúde (OMS) estabeleceu unha ambiciosa meta, ter vacinada 70% da poboación mundial para mediados de 2022. Naquela altura, tan só 3% da poboación dos países con baixos ingresos recibiran canto menos unha dose, en comparación co 60,18% dos países con ingresos altos. Sete meses despois, o mundo está lonxe de alcanzar ese obxectivo.

O número total de vacinas administradas aumentou considerabelmente, mais tamén a desigualdade na distribución: das 10.700 millóns de doses repartidas a nivel mundial, tan só 1% foi administrado en países de ingresos baixos. Isto significa que 2.800 millóns de persoas no mundo están a agardar pola primeira inxección.

A desigualdade na vacinación pon en risco a seguridade de todo o mundo, e é responsábel en boa medida das crecentes desigualdades entre ─e dentro─ países. A actual situación non só pode provocar que se prolongue a pandemia, mais a falla de equidade ten moitos outros impactos, ralentizando a recuperación económica de países enteiros, o mercado laboral global, o pagamento de débeda pública e a capacidade dos países para investir noutras prioridades.

Recuperación máis dura

Dous anos despois do comezo da pandemia da Covid-19, os países máis pobres están a atopar máis difícil que nunca recuperarse economicamente, os mercados laborais están a sufrir, a débeda pública permanece teimadamente alta, e pouca fica nas arcas para investir noutras prioridades.

A última análise do PNUD mostra que a maioría dos países máis vulnerábeis se encontran na África subsahariana, incluídas Burundi, a República Democrática do Congo e Chad, onde menos de 1% da poboación está completamente vacinada. Fóra de África, en Haití e no Iemen aínda non chegan ao 2%. Os estudos mostran que se os países con baixos ingresos tivesen a mesma taxa de vacinación que a dos países ricos en setembro do ano pasado (arredor de 54%) terían incrementado o seu Produto Interior Bruto (PIB) en 16.270 millóns de dólares en 2021.

Os países que se calcula que perderon maior potencial de ingresos durante a pandemia por causa da desigualdade na vacinación, son Etiopía, República Democrática do Congo e Uganda.

Esta perda de ingresos podería ter sido utilizada para abordar outros retos de desenvolvemento urxentes na liña dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) que fan parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostíbel da ONU, o plan de acción para un futuro xusto para as persoas e para o planeta.

No Sudán do Sur, por exemplo, os custos asociados coa vacinación da Covid-19 poderían ter cuberto todos os programas de asistencia social e gastos en educación no país, mentres que en Burundi os custes poderían ter provisto atención sanitaria para arredor de 4,7 millóns de persoas. Mentres que os confinamentos prolongados danaron os traballadores en todo o mundo, aqueles en países en desenvolvemento foron, de novo, afectados desproporcionadamente. Os países máis ricos amorteceron o golpe con inxeccións económicas das que se beneficiaron tanto os traballadores formais como os informais. Un apoio que nos países de baixos ingresos declinou entre 2020 e 2021.

O acceso urxente ás vacinas e a financiamento, como as subvencións propostas polo Fondo Monetario Internacional (FMI), é de acordo coas análises esencial para que os países máis pobres, ademais das axudas directas a determinados países de acordo coa situación concreta.

Se a equidade na vacinación non se alcanza axiña, as consecuencias poderían ser aínda máis graves, alerta a ONU. Tal e como sinalou a Alta Representante para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, o pasado 10 de marzo, cómpre maior cooperación entre países para acabar coa pandemia, mentres que continuar adiando a vacinación podería levar a unha escalada da violencia e das tensións sociais, e a unha década en desenvolvemento perdida.

Comentarios