A OMS cre que se precisarán novas vacinas que mingüen a transmisión e rexeita pór unha terceira dose da actual

Aliás, a OMS avalía o uso dos fármacos baricitinib e sotrovimab para tratar ás e os pacientes coa Covid-19.
Picada da vacina a un mozo no Estado. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera Picada da vacina a un mozo no Estado (Foto: Jorge Gil/Europa Press).

O Grupo de Asesoramento Técnico sobre a Composición da Vacina contra a Covid-19 da Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que se necesitarán máis vacinas que teñan un maior impacto na prevención da infección e a transmisión da Covid-19, segundo informou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

Segundo este grupo de persoas expertas, creado pola OMS en setembro, até que se desenvolvan tales vacinas pode ser preciso actualizar a composición das actuais para garantir que sigan proporcionando os niveis de protección recomendados pola OMS contra a infección e a enfermidade.

Por outra banda, tamén apuntou que unha estratexia de vacinación baseada en repetidas doses de reforzo da composición orixinal da vacina "é pouco probábel que sexa sostíbel". Neste senso, o grupo tamén subliña que, aínda que algúns países recomendan reforzos, a prioridade inmediata para o mundo é acelerar o acceso á vacinación primaria, especialmente para os grupos con maior risco de desenvolver enfermidades graves.

"Aínda que as vacinas seguen sendo moi eficaces para previr a enfermidade grave e a morte, non evitan totalmente a transmisión", insiste Tedros. "Máis transmisión significa máis hospitalizacións, máis mortes, máis persoas sen traballo, incluíndo mestres e traballadores da saúde, e máis interrupción dos servizos sociais e de saúde esenciais", expresou o director xeral da OMS.

Así, Tedros lembrou que a magnitude e o ritmo da transmisión "tamén supoñen unha maior presión sobre o persoal sanitario e asistencial, xa sobrecargado e esgotado". Por iso, reiterou que acabar coa desigualdade na distribución de vacinas, terapias e diagnósticos segue sendo "a chave" para acabar coa pandemia.

"Se acabamos coa desigualdade, acabaremos coa fase aguda da pandemia", comentou. Ao fío desta cuestión, lembrou que máis de 85% da poboación de África —uns mil millóns de persoas— aínda non recibiu unha soa dose de vacina. "Non podemos pór fin á fase aguda da pandemia a menos que traballemos xuntos para pechar estas fendas", reiterou o director xeral da OMS.

Novos fármacos contra a Covid

Noutra orde, a OMS vén de avalar o uso dos fármacos baricitinib e sotrovimab para tratar ás e os pacientes coa Covid-19. En concreto, o baricitinib, un tipo de medicamento coñecido como inhibidor da Janus quinasa (JAK) que tamén se utiliza para tratar a artrite reumatoide, recoméndase encarecidamente para os pacientes con Covid-19 grave ou crítica en combinación con corticosteroides.

A súa recomendación baséase en probas de "certeza moderada" de que mellora a supervivencia e reduce a necesidade de ventilación, sen que se observe un aumento dos efectos adversos. Os expertos da OMS sinalan que baricitinib ten efectos similares aos doutros fármacos para a artrite denominado inhibidores da interleucina 6 (IL-6), polo que, cando ambos están dispoñíbeis, suxiren elixir un en función do custo, a dispoñibilidade e a experiencia do médico.

Non se recomenda utilizar ambos os fármacos ao mesmo tempo. Con todo, os expertos desaconsellan o uso doutros dous inhibidores da JAK (ruxolitinib e tofacitinib) para os pacientes con Covid-19 grave ou crítica, xa que "as probas de baixa certeza obtidas en pequenos ensaios non mostraron beneficios e suxiren un posíbel aumento dos efectos secundarios graves co tofacitinib".

Igualmente, a OMS tamén emitiu unha recomendación condicional para o uso do anticorpo monoclonal sotrovimab en pacientes con Covid-19 non grave, pero só naqueles con maior risco de hospitalización. Os expertos tamén sinalan que "non hai datos suficientes para recomendar un tratamento con anticorpos monoclonales en lugar doutro, e recoñecen que a súa eficacia contra novas variantes como o omicron é aínda incerta".

Comentarios