Unha delegación dos EUA viaxa a Arabia Saudita para dialogar con representantes de Rusia

Mentres, a viceprimeira ministra e titular de Economía de Ucraína, Yulia Sviridenko, mantivo este domingo unha reunión cun centenar de representantes empresariais á súa chegada a Arabia Saudita e ten programadas para os próximos días "decenas de reunións" para preparar unha visita ao reino do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski.
Vladimir Putin e Donald Trump. (Foto: Europa Press / Contacto / Artem Priakhin)
Vladimir Putin e Donald Trump. (Foto: Europa Press / Contacto / Artem Priakhin)

Unha delegación dos Estados Unidos encabezada polo enviado da Casa Branca para Oriente Medio, Steve Witkoff, e o asesor de Seguridade Nacional, Mike Waltz, parte este domingo rumbo Arabia Saudita para manter unha reunión con representantes rusos e preparar un posíbel cimeira presidencial bilateral.

Witkoff dixo a Fox News que espera que se logren "algúns avances realmente bos". As conversacións planeadas por este grupo diplomático serán as primeiras de alto nivel mantidas en anos coa parte rusa e teñen como fin buscar unha solución negociada ao conflito en Ucraína.

O enviado descartou que os ucraínos fosen excluídos das conversacións cos rusos. Durante a Conferencia de Seguridade de Múnic (Alemaña) houbo contactos cos representantes de Ucraína esta fin de semana, informou Witkoff, engadindo que non cre que "se trate de excluír a ninguén". "De feito, trátase de incluír a todos", aseverou.

Mentres, a viceprimeira ministra e titular de Economía de Ucraína, Yulia Sviridenko, mantivo este domingo unha reunión cun centenar de representantes empresariais á súa chegada a Arabia Saudita e ten programadas para os próximos días "decenas de reunións" para preparar unha visita ao reino do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski. As autoridades sauditas e doutros estados da rexión de Oriente Medio planean asinar con Ucraína varios acordos económicos e lanzar "proxectos en enerxía, agricultura e infraestrutura".

Pola súa parte, o secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, admitiu nunha entrevista concedida este domingo á canle CBS News, que "vai ser moi difícil estabelecer comunicación con Rusia sobre calquera tema" se a embaixada estadounidense non é completamente funcional.

Por esa razón expuxo a cuestión da funcionalidade da embaixada durante a súa primeira conversación co ministro ruso de Asuntos Exteriores, Sergei Lavrov, a quen expuxo igualmente as súas inquietudes sobre a misión diplomática rusa nos EUA. Para buscar a paz mediante o diálogo, ambos os estados necesitarán "ter embaixadas funcionais en Moscova e en Washington", reafirmou Rubio.

Ademais, en referencia ás futuras negociacións para resolver o conflito ruso-ucraíno, o xefe do servizo diplomático estadounidense dixo que "aínda non chegamos a ese punto, mais se iso sucedese, Ucraína tería que participar". Así mesmo, Rubio considerou que "os europeos terían que participar, porque tamén impuxeron sancións a Vladimir Putin e a Rusia, e contribuíron a este esforzo".

Donald Trump, en opinión do membro da súa Administración, é "o único líder do mundo que podería potencialmente iniciar ese proceso" de paz, despois de que outros o tentasen sen éxito. "Cando se presentou en campaña e foi elixido presidente, unha das súas promesas foi que traballaría para pór fin a este conflito dunha maneira sostíbel e xusta", lembrou Rubio, para quen se trata agora de dar o "primeiro paso nese proceso", aínda que admitiu que "aínda queda moito camiño por percorrer".

O representante dos EUA recalcou que non coñece "a ningún negociador mellor na política estadounidense que o presidente Trump". Con respecto ao diálogo sobre Ucraína, o secretario de Estado dixo non saber "se o presidente Trump saberá moi cedo se isto [a pacificación] é algo real ou é un intento de gañar tempo". Mentres tanto, a súa propia consideración é que "en xeopolítica ninguén debe confiar en ninguén" e o acordado ten que "verificarse con accións".

Comentarios