Bruxelas consagra a 'nuclear francesa' e o 'gas alemán' como "enerxías verdes"

A Comisión Europea confirma a súa inclusión na lista de investimentos sostíbeis.
nuclear_greenpeace
photo_camera Finlandia, Hungría ou Polonia son, con Francia, algúns dos Estados que apostan pola enerxía nuclear. Na imaxe, protesta de Greenpeace (Foto: Greenpeace)

Tras máis dun ano de deliberacións, a Comisión Europea fixo oficial a esperada e controvertida decisión: o gas e a enerxía nuclear serán considerados como "investimentos verdes" na guía da UE para os novos negocios cumpriren cos obxectivos marcados na loita contra o cambio climático. O principal, chegar a unha pegada de carbono cero (non emitir máis CO2 do que a Terra pode absorber) para o ano 2050.

"O que estamos a estabelecer é en que medida o gas e a enerxía nuclear poden contribuír á complicada transición cara á neutralidade climática", afirmou Mairead McGuinness, comisaria de Servizos Financeiros e encargada de comunicar onte a decisión en conferencia de prensa.

A "taxonomía de enerxías verdes" da UE non veta os investimentos en actividades non etiquetadas como ecolóxicas, mais si que limita que proxectos poden ser designados como "respectuosos co ambiente" (ou "climate-friendly", no termo orixinal en inglés). Isto é de especial relevancia para os proxectos que poden cubrir os fondos Next Generation.

A taxonomía entrará en vigor en 2023 se non é rexeitada polo Parlamento Europeo ou por unha maioría de 20 dos 27 Estados membros da UE. O Executivo comunitario asume que nin o gas nin a nuclear son enerxías neutras a nivel climático, tampouco renovábeis, mais defende o seu papel como "enerxías de transición". 

Foi o termo usado polo comisario de Comercio, Valdis Dombrovskis, que avogou en Twitter polo paso cara a enerxías mixtas, "baseadas principalmente en renovábeis". "Mais os Estados da UE teñen puntos de partida diferentes. Así que baixo condicións estritas [emisións máximas de 270 gramos de CO2/kWh para plantas de gas, lonxe dos 100 gramos de CO2/kWh propostos polos expertos], o gas e a nuclear pode actuar como ponte", engadiu.

Xeopolítica enerxética

Tamén na mesma rede social, a comisaria de Xustiza, Věra Jourová, manifestábase nos mesmos termos, engadindo outro matiz importante: a transición garantirá a "independencia" europea da "xeopolítica enerxética".

A ex chanceler alemá, Angela Merkel, fixo unha forte aposta polo Nord Stream 2, o gasoduto que transportará gas ruso a territorio alemán polo fondo do mar Báltico ─eludindo territorio ucraíno─. Proxecto que mesmo causou unha forte controversia entre Berlín e Washington, que como Kiev cre que socava a seguridade e independencia enerxética europeas. Un dos vimbios, tamén, do cesto da crise ucraína. 

A influencia de Berlín na Comisión Europea ─a súa presidenta, Ursula Von der Leyen, é alemá e correlixionaria da demócratacristiá Merkel─, así como a de París ─75% da enerxía que produce Francia, que ostenta a actual presidencia de quenda da UE, é nuclear─ xogaron en favor da decisión de Bruxelas sobre a "taxonomía verde".

Para a ONG ambientalista Greenpeace, a decisión da Comisión é unha "tentativa de roubo", "derivando ─sinalou nun comunicado─ miles de millóns de euros das renovábeis para metelos en tecnoloxías que ou ben non fan nada para loitar contra a crise climática, como a nuclear, ou ben son parte activa para empeorar o problema, como o gas natural". Por iso, piden ao Parlamento Europeo que actúe en consecuencia.

Só unha minoría de Estados da UE están en contra da decisión

No seo da UE existe unha división arredor da "taxonomía verde". Bulgaria, Chequia, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Finlandia, Hungría, Polonia e Romanía uníronse en outubro pasado a Francia para pedir por carta a Bruxelas a inclusión da nuclear entre as enerxías "verdes". O novo Goberno alemán recalcou a súa oposición á nuclear e o apoio decidido ao gas. En países enerxeticamente dependentes do carbón, beneficiaríanse dos incentivos a esta enerxía. Tamén Polonia ou Hungría, con lazos económicos con Rusia, celebraron a decisión de Bruxelas sobre o gas. Un terceiro grupo, entre os que están Dinamarca, España ou Irlanda, manteñen unha firme oposición. Luxemburgo anunciou accións legais, e Austria cualificou a medida de "miope" e "incomprensíbel".

O grupo dos Verdes/ALE na Eurocámara lanzou na web unha recollida de sinaturas.

Comentarios