O conservador Albuquerque, do PSD, designado máis unha vez presidente da Madeira

Os crimes de odio duplicáronse en Portugal en dous exercicios.
Miguel Albuquerque. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel Albuquerque. (Foto: Nós Diario)

O representante da República portuguesa na Madeira, Ireneu Barreto, designou a cuarta feira Miguel Albuquerque, do conservador Partido Social Democrata (PSD), como presidente do Executivo rexional, nunha cerimonia logo da rolda de consultas con todas as formacións que obtiveron representación no lexislativo madeirense nas eleccións adiantadas do domingo pasado.

Barreto apostou por Albuquerque logo de que o PSD asinara co CDS-Partido Popular un acordo parlamentario para gobernar en minoría co apoio de 21 dos 47 asentos da Cámara (19 do PSD e 2 do CDS), superando os 20 escanos que sumaban o Partido Socialista (PS), con 11, e Juntos pelo Povo (JPP), con 9.

O presidente confiou en que a extrema dereita do Chega, a Iniciativa Liberal e o progresista Pessoas-Animais-Natureza (PAN) se absteñan na votación do programa de Goberno, chave para que Albuquerque asuma plenos poderes. Estas formacións, mais tamén o CDS, rexeitaran con anterioridade avalar o Executivo. Se o Chega cumpre a súa ameaza e vota contra o programa teríanse que desenvolver novas eleccións. O mandatario confiou en que os “antisocialistas non se van aliñar co socialismo para derrubar o Goberno”.

Albuquerque lidera o Executivo rexional desde 2015, cargo que revalidou nas votacións de 2019 e de finais de 2023. Porén, a súa imputación nun caso de corrupción forzouno a renunciar e levou o presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa (PSD), a convocar eleccións, a pesar do que Albuquerque se volveu presentar, gañando os comicios mais cos peores resultados da historia do PSD, que goberna a rexión desde hai case medio século.

Ascenso dos delitos de odio

O Relatório Anual de Segurança Interna de Portugal desvelou que entre 2022 e 2023 os crimes de odio aumentaron 27%, logo de medrar 69% de 2021 a 2022, duplicando estes casos en apenas dous anos. Desde 2019, o documento constata a tendencia crecente, apuntando que “de forma mais acentuada” desde ese ano a 2020, “coincidindo coa aparición da pandemia” de Covid-19. A maioría destas situacións, indica, producíronse no ámbito dixital.

Esta suba decorreu en paralelo á alza da ultradereita, que logrou nas eleccións deste ano converterse na terceira forza política na Assembleia.

Con todo, a pesar das 792 investigacións abertas pola Fiscalía por este motivo entre 2020 e 2023, só se traduciron en 14 acusacións presentadas.

Comentarios