Condenado o Estado español por non perseguir a morte de José Couso

Dezaoito anos despois do falecemento de José Couso no Iraq, a mans do Exército dos Estados Unidos, o Supremo ratifica a condena ao Estado español por negarse a perseguir o crime, como "estaba obrigado", salienta. Critica que os sucesivos Gobernos se dedicaran a aceptar os argumentos dos Estados Unidos.
O cámara José Couso, días antes de ser asasinado en Iraq polas Forzas Armadas dos EUA. (Foto: Telecinco)
photo_camera O cámara José Couso, días antes de ser asasinado en Iraq polas Forzas Armadas dos EUA. (Foto: Telecinco)

O 8 de abril de 2003, durante a invasión do Iraq, tres soldados aos mandos dun tanque do Exército dos Estados Unidos -Philip de Camp, Philip Wolford e Thomas Gibson-, bombardearon o Hotel Palestina, sede dos xornalistas desprazados ao país, matando o cámara ferrolán José Couso, que se atopaba gravando nese intre, e o xornalista ucraíno Taras Protsyuk.

A pesar da insistencia da familia e do xuíz Santiago Pedraz por que os responsábeis fosen xulgados e condenados, a Audiencia Nacional arquivara o caso en primeira instancia até que en 2010 o Tribunal Supremo obrigou a reabrilo. En 2015, a reforma da xustiza universal aprobada polo Partido Popular fechou a porta á investigación, que se dirime nos tribunais da Unión Europea.

Finalmente, 18 anos despois do asasinato, a Sección Quinta da Sala do Contencioso do Tribunal Supremo confirmou a condena da Audiencia Nacional ao Estado español por ignorar a súa responsabilidade cando “estaba obrigado a facer xestións en pro dunha investigación internacional obxectiva dos feitos, e no seu caso, utilizar os medios que estimase para dar como resultado a reparación do dano ocasionado”.

A maxistratura critica o Estado español por limitarse “a dar por bos os argumentos dados en contra da ilegalidade do feito polo Estado que o ocasionou”, en referencia á xustificación dos Estados Unidos de que foi un evento cotián de guerra, ocasionado por un erro na identificación dos obxectivos. Esta xustificación foi aceptada polo Estado español e usada pola Fiscalía para tentar frear a investigación dos feitos desenvolvida polo xuíz Pedraz.

A omisión da protección que tiña que dar á familia de Couso, obriga o Estado español a indemnizar con 182.290 euros a súa viúva e fillos, segundo ratifica a resolución do Supremo, que salienta que "os cidadáns teñen dereito á protección diplomática por parte da Administración para resarcir un delito cometido por outro Estado", agardando máis que "a calada por resposta", segundo se coñeceu onte.

A embaixada dos EUA en Madrid presumía da axuda dos ministros

As revelacións de comunicacións diplomáticas feitas por Wikileaks permitiron coñecer que a embaixada dos EUA en Madrid dedicou ducias de cables ao intento da familia, dalgúns partidos políticos e do xuíz Pedraz de levar diante da Xustiza as accións das Forzas Armadas estadounidenses.

Nestes documentos, que afectaban principalmente á etapa de Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE), os diplomáticos vangloriábanse da complicidade de ministros e fiscais para que o caso non seguise adiante, acusacións negadas polo partido estatal e a Fiscalía.

A nai de José Couso, Maribel Permuy, sinalou a medios estatais que “dixen aos políticos que se ao meu fillo o tivese matado ETA, sería recoñecido doutro xeito”, mais “como o mataron os ianquis, os políticos nunca van loitar por nós". 

Comentarios