PARTICIPAN MIL DELEGADOS E DELEGADAS

Comeza o VII Congreso do Partido Comunista de Cuba

La Habana acolle este sábado o VII Congreso do Partido Comunista de Cuba no que participarán uns mil delegados que trazarán a folla de ruta do partido e do país.

[Imaxe: Cubate] Fotografía do VI Congreso do PCC
photo_camera [Imaxe: Cubate] Fotografía do VI Congreso do PCC

No VII Congreso, o Partido Comunista de Cuba analizará as estratexias para a illa e abordará os cambios da realidade do país após restabelecerse as relacións cos Estados Unidos. O conclave, que terá lugar até o 19 de abril, centrarase, ademais, na análise do futuro económico de Cuba.

Os mil delegados e delegadas debaterán arredor de seis documentos que atinxen ao ámbito económico e social da illa. Estes documentos foron elaborados de maneira colectiva por funcionariado, profesorado e corpo investigador das ciencias económicas e sociais, segundo informa o partido.

Os documentos darán continuidade aos aprobados no congreso anterior e marcarán o camiño a percorrer en aras dun socialismo próspero para Cuba, salienta o PCC

O material a debate foi previamente debullado polos mil delegados e delegadas e por 3.000 convidados e convidadas especiais. O partido salienta que os documentos darán continuidade aos aprobados no congreso anterior e permitirán marcar con máis exactitude o camiño a percorrer en aras dun socialismo próspero para Cuba.

Nun texto do PCC publicado en Granma, destácase que desde que Raúl Castro asumira o poder en 2006 deuse inicio a un proceso de actualización do modelo económico que, sen rachar co modelo socialista, comezou a modificar a estrutura económica do país. Estas medidas fixéronse máis profundas desde 2012. Así, flexibilizouse o emprego fóra dos cadros de persoal estatais, ampliáronse os créditos a particulares e permitiuse pactar con empresas mixtas mediante contratos sen intermediación.

VI Congreso

O anterior congreso tivo lugar en 2011. Foi entón o PCC apoiou as medidas tomadas no Goberno de Raúl Castro, coa aprobación de 313 medidas que permitiron legalizar, entre outros, a venda de automóbiles e vivendas, amais de impulsar o desenvolvemento de cooperativas.

Comentarios