Cincuenta e catro anos de revolución marcan o futuro de Cuba

Cuba celebrou o 54 aniversario do triunfo revolucionario a pasada segunda feira. Após máis de medio século de transformacións políticas, sociais e económicas, a illa caribeña encara un novo programa de desenvolvemento económico encamiñado a continuar coa construción do socialismo iniciada o 1 de xaneiro de 1959.
Celebración do triunfo revolucionario n'A Habana
photo_camera Celebración do triunfo revolucionario n'A Habana

Había tres anos do inicio da revolución en Sierra Maestra cando o ditador Fulgencio Batista e boa parte dos seus tomaron rumbo á República Dominicana a bordo de catro avións. Fuxían da inminente vitoria do exército rebelde liderado por Fidel Castro que tomara xa a cidade de Santa Clara e avanzaba camiño da capital acompañado dun afervoado clamor popular. A súa saída do país puña fin a unha ditadura iniciada cun golpe de estado en 1952 e daba comezo a un novo tempo para o pobo cubano.

O primeiro de xaneiro de 1959, iniciábase en Cuba un proceso revolucionario encamiñado a devolver a soberanía ao pobo e a desenvolver un proceso de transformación social asentado no socialismo como única vía. Naquela altura o 80% d@s cuban@s pagaban unha renda por traballaren unha terras cuxos propietarios eran as máis das veces, compañías estadounidenses. Tamén así, as empresas eléctrica e telefónica eran xestionadas polos EUA e case a práctica totalidade da poboación era analfabeta e non gozaba de asistencia sanitaria. A partir do triunfo recolucionario, o principal obxectivo das leis promulgadas polo goberno encamiñaríanse a pór fin a esta situación, nomeadamente a través da lei de Reforma Agraria.

Os cambios decorridos na illa desde a vitoria do exército rebelde vense reflectidos nos indicadores internacionais que sitúan a Cuba como o país con maior Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) da rexión América Latina e Caribe, ao tempo que entre os mellores sistemas educativos e sanitarios do mundo. Neste senso, Cuba foi o único país en cumprir practicamente na súa totalidade cos 'Obxectivos do Milenio' aprobados polas Nacións Unidas en 2000 e continúa a desenvolver programas de desenvolvemento social para alén das súas fronteiras proporcionando, por exemplo, axuda humanitaria e médica noutros territorios de América Latina (Venezuela) e África. Malia as dificultades xurdidas durante a Guerra Fría, nomeadamente a partir do estabelecemento do bloqueo económico, comercial e financeiro polos EUA en 1962; o modelo cubano resiste e continúa avanzando após máis de cincuenta anos da vitoria.

A actualización do modelo económico cubano
Despois de medio século de construción do socialismo, o programa económico cubano está a ser actualizado coincidindo coa nova etapa iniciada na illa. Neste senso, Alberto Betancourt, economista cubano e asesor do goberno revolucionario, explicaba durante a súa visita a Galiza o pasado mes de xullo cales estaban a ser os principais eixos arredor dos que xira o novo programa de desenvolvemento económico aprobado en Cuba o pasado ano 2012. Betancourt, aseguraba naquela altura que o obxecto das reformas é “continuar coa construción do socialismo a través da planificación económica e da garantía dos servizos universais”, para o que se están a levar a cabo transformacións de grande importancia, como afirmaba o propio mandatario cubano, Raúl Castro, no seu discurso de clausura da VII lexislatura, decorrido o pasado 13 de decembro.

Após a aprobación de novas medidas que facilitan o desenvolvemento produtivo da illa, ao longo deste 2013 a nova planificación económica cubana procurará aumentar a produtividade do sector agropecuario e flexibilizar o mercado de traballado á fin de regular as formas non estatais de emprego (cuentapropistas). Aliás, ao longo deste ano o goberno aprobará unha nova Lei Tributaria e procurará alternativas na xestión das empresas estatais encamiñadas a fornecelas de maior autonimía e eficiencia económica.

Malia o alcance, complexidade e calado das transformacións que encara Cuba, Alberto Betancourt sentenciaba, "as novas liñas económicas non constitúen unha aproximación ao sistema capitalista" --como de maneira tendenciosa se pretendeu facer crer-- senón que procuran consolidar e actualizar "o concepto de revolución socialista".

Comentarios