A Cámara estadounidense négase a retirar as tropas de Siria: "A paz mantense mellor pola forza"

Retirada estadounidense de Afganistán, en agosto de 2021. (Foto: DPA)
A sombra da retirada de Afganistán e posterior volta ao poder dos talibán paira sobre Washington e a maioría dos congresistas, tanto republicanos como demócratas, xustifican a súa presenza nesta rexión "até a derrota total" do Estado Islámico. A presenza militar estadounidense en Siria durante todos estes anos non estivo exenta de polémica.

Con 321 votos en contra e 103 a favor, a Cámara de Representantes dos EUA rexeitou esta cuarta feira a proposta do republicano Matt Gaetz de retirar as tropas estadounidenses despregadas desde hai anos en Siria, "nun inferno", dixo o congresista. Malia as importantes derrotas sufridas polo Estado Islámico neste tempo, aínda seguen activas diferentes células que realizan ataques en territorio sirio e iraquí, no que noutrora fora o seu Califato.

"O que se interpón entre un Califato e o que non o é son os 900 estadounidenses que foron enviados a este inferno sen unha definición de vitoria", defendeu, segundo recolle o xornal The Washington Post. No medio dun conflito que semella encallado, Gaetz alegou tamén que "as operacións antiterroristas dos EUA non parecen ter fin" en Siria.

O representante republicano entende que "é hora" de traer os militares de volta á casa: "Manchamos os desertos de Oriente Próximo con abondo sangue estadounidense", xustificou. No sentido opposto, o seu compañeiro de bancada Michael McCaul fixo alusión aos "466 membros do Estado Islámico abatidos e os 250 detidos" polas tropas enviadas pola Casa Branca.

Uns efectivos que, de retirarse agora, deixarían no ar "un posíbel rexurdimento do ISIS", polo que a saída de Siria debería producirse, incidiu McCaul, "na derrota total" desta organización. "A dura verdade é esta, ou loitamos contra eles en Siria, ou os combateremos nas nosas rúas", engadiu o congresista, tamén republicano, Ryan Zinke.

Máis duro —e polémico— coas súas palabras foi Joe Wilson, outro dos compañeiros de Gaetz que se opuxo á proposta: "Non queremos repetir o 11-S. A paz mantense mellor a través da forza", sentenciou, facendo fincapé en que a retirada suporía, ao seu ver, "un problema moito maior". Na Cámara saíu a colación a recente experiencia en Afganistán, territorio que as tropas estadounidenses abandonaron por completo en agosto de 2021 após décadas alá despregadas e os talibán retomaron sen maior dificultade o poder.

Por parte da bancada demócrata, o congresista Gregory Meeks afirmou que se opón, mais polo de agora só na teoría, a unha "presenza militar indefinida" dos EUA neste territorio. O proxecto de lei de Matt Gaetz, porén, "forza un final prematuro da misión nun momento crítico", subliñou, pedindo que o Exército fique temporalmente —sen un fin claro— en Siria.

Acusacións de "saqueo" e ocultación de operacións

As autoridades e a prensa siria teñen denunciado neste tempo un presunto "saqueo" dos seus principais recursos por parte das forzas de Washington. Segundo denunciou o pasado verán a axencia de noticias SANA, os estadounidenses estarían a retirar "66.000 barrís de petróleo ao día", extraído dos pozos situados nas zonas do país ocupadas polos EUA. O Goberno sirio tamén alertou do "espolio" de trigo.

Por outra parte, en maio de 2022 o Pentágono realizou unha nova investigación sobre o acontecido nun ataque estadounidense en territorio sirio que se saldou coa morte de decenas de civís. As consecuencias do ataque foran encubertas polas propias autoridades militares dos EUA.