AstraZeneca entragará 200 millóns de doses da vacina contra a Covid á EU antes abril de 2022

Bruxelas pon fin á disputa legal con AstraZeneca. Ambas as dúas acordan a entrega das vacinas que faltan en tres prazos. O último finaliza o 31 de marzo de 2022.
A segunda dose de AstraZeneca comezará a inocularse mañá. (Foto: Ronny Hartmann / dpa) #vacina #vacinación #pandemia #covid19 #coronavirus #astrazeneca
photo_camera Varias doses da vacina de AstraZeneca (Foto: Ronny Hartmann / dpa).

A Comisión Europea anunciou esta sexta feira que chegou a un acordo coa farmacéutica AstraZeneca para a entrega aos Estados membros das doses da súa vacina contra a Covid-19 que aínda non se repartiran.

Desta forma, pon fin á disputa legal que ambas as partes tiñen aberta desde hai meses.

200 millóns de doses a repartir

Nun comunicado, o Executivo comunitario explicou que o laboratorio anglosueco terá que distribuír aos socios comunitarios 60 millóns de doses entre xullo e o final de setembro, outros 75 millóns antes de que finalice o ano e 65 millóns máis antes do 31 de marzo de 2022.

Estas cifras, sumadas aos 100 millóns de unidades que AstraZeneca repartiu entre os Estados membros desde o inicio da campaña até finais de xuño fan un total de 300 millóns de doses, o número acordado no contrato que Bruxelas asinou coa farmacéutica.

Segundo a Comisión Europea, este acordo "pon fin ao litixio pendente ante o tribunal de Bruxelas". Agora, detalla a institución, comunicarase aos países do bloque "un calendario regular de entregas" e aplicaranse "bonificacións limitadas" en caso de novos atrasos.

"O acordo de hoxe garante a entrega á UE por parte de AstraZeneca dos 200 millóns de doses que faltan", resumiu a comisaria de Saúde do Executivo comunitario, Stella Kyriakides.

Enfrontamento

A UE e a farmacéutica AstraZeneca manteñen desde hai meses un enfrontamento que derivou nunha denuncia polos atrasos do laboratorio para distribuír aos países europeos doses da súa vacina contra o coronavirus.

O Executivo comunitario levou o laboratorio ante a Xustiza belga co apoio de todos os Estados membros para exixir a entrega de todas as doses con carácter urxente, pero ademais abriu outra fronte sobre o fondo da cuestión coa intención de que os tribunais sentenciasen que AstraZeneca incumprira as disposicións contractuais.

Fin do litixio

O tribunal de Bruxelas que asumiu o primeiro caso fallou que AstraZeneca parecía incumprir o contrato, pero ordenou á firma entregar unha cantidade moito menor que o que reclamaba o bloque. Ambas as partes reivindicaron gañar, o lado europeo porque obrigaba ao laboratorio a entregar doses e o segundo porque a Xustiza non lle exixía distribuír os 300 millóns de vacinas xa en setembro.

O acordo fecha desta forma o litixio entre a UE e a farmacéutica, polo que non haberá finalmente unha sentenza que se pronuncie sobre o fondo do asunto e aclare se AstraZeneca incumprira o contrato cos seus atrasos.

Comentarios