A UE denunciará AstraZeneca mentres as farmacéuticas marcan territorio

A denuncia da Unión Europea contra AstraZeneca enmárcase dentro dun conflito de poder no que as farmacéuticas privadas exprimen a súa posición para maximizar os seus beneficios. Ao tempo, negan a liberalización das patentes e apenas colaboran co mecanismo Covax.
Espazo para vacinación no Estadio da Cartuja (Sevilla). (Foto: María José López / Europa Press)
photo_camera Espazo para vacinación no Estadio da Cartuja (Sevilla). (Foto: María José López / Europa Press)

A Unión Europea prepara unha demanda contra a anglosueca AstraZeneca por non entregar 200 millóns de doses comprometidas no primeiro semestre do ano, segundo a Comisión Europea.

Esta decisión foi comunicada na pasada cuarta feira pola Comisión ás embaixadas na Unión Europea, adiantou Politico, recibindo unha resposta positiva da maioría dos Estados despois dos reiterados incumprimentos da farmacéutica nas entregas da súa vacina.

Agora todos os Estados membros terán que decidir a posición final que transmitir á Comisión para continuar co proceso xudicial, despois da solicitude de Alemaña e Francia de darse máis tempo para analizar a situación e as consecuencias deste paso, informou o medio europeo.

Xa en xaneiro, AstraZeneca recoñecera que non tiña capacidade para afrontar as doses comprometidas nun comezo e nos primeiros tres meses deste ano entregou 30 millóns de doses das 100 millóns asinadas no contrato. De abril a xuño tería que enviar 200 millóns máis, mais a proxección da compañía é mandar 70 millóns.

Xeopolítica

A Axencia Europea dos Medicamentos (EMA) aprobou até o de agora catro compostos para vacinar a poboación europea, os catro considéranse seguros e teñen uns efectos secundarios graves nunha porcentaxe ínfima da poboación, cuns beneficios demostrados con respecto aos riscos de contraer a Covid-19.

A pesar diso, distintos Estados frearon en diferentes ocasións a vacinación con AstraZeneca en contra do criterio da EMA e da Organización Mundial da Saúde, algúns, como é o caso de Dinamarca, de forma definitiva.

No Reino Unido, que inoculou a súa poboación con AstraZeneca como vacina principal nun proceso que comezou mentres se facía efectiva a saída de Gran Bretaña da Unión Europea, a metade da súa poboación está vacinada, segundo o New York Times. A UE está a piques de superar o 20% e no Estado español o 17%.

Negocio

O negocio das vacinas contra a Covid-19 para as farmacéuticas privadas vén determinado por ser as primeiras que consigan presentar e vender os seus produtos. A Organización Mundial da Saúde ten até 15 vacinas en proceso de aprobación e a medida que varias delas estean dispoñíbeis a posición dominante das poucas empresas que a venden mingua.

Neste sentido, nunha xuntanza con medios de comunicación a semana pasada, o conselleiro delegado de Pfizer, Albert Bourla, recoñeceu que probabelmente será necesaria unha terceira dose da súa vacina 12 meses despois da segunda para que a inmunización sexa completa. Aínda así isto non chegaría dabondo, Bourla rematou por aceptar que do mesmo modo que a gripe, a poboación tería que vacinarse cada ano para estar protexida da Covid-19.

Pfizer presentou en febreiro pasado as súas contas de 2020, nas que presumen dunhas ganancias de 9.616 millóns de dólares. Para 2021 prevén ter uns beneficios de 18.846 millóns de dólares -15.690 millóns de euros-. Para AstraZeneca, a previsión de beneficios deste ano é de 6.910 millóns de dólares, en 2020 foran 5.291.

Contratos abusivos

A demanda que prepara a Unión Europea é boa mostra das dificultades creadas na práctica polos contratos asinados coas farmacéuticas, que lles permite eximirse de case calquera responsabilidade.

No caso do contrato da UE con Pfizer-Biontech do 20 de novembro de 2020, que implicou o adianto de 700 millóns de euros e que viu a luz a fin de semana pasada grazas a RAI, inclúese un punto no que explica que se a produción das empresas alemás non é capaz da brindar as doses compradas, Pfizer-Biontech comprométese unicamente a revisar o seu programa de entregas con “principios xustos e equitativos”.

Para a vacina estadounidense Moderna, cuxo contrato tamén se fixo público, as condicións son máis restritivas, se en 90 días non entregan o pedido, pode ser cancelado.

Ambos os dous contratos deixan claro que a responsabilidade polos efectos secundarios das vacinas recae nos Estados e na Comisión Europea, e as empresas só asumirían a responsabilidade por unha mala conduta intencionada ou por problemas no proceso de fabricación, co cal a súa responsabilidade desaparece unha vez entregadas as doses ás compradoras.

Negociación polas vacinas

Pfizer é a segunda empresa farmacéutica máis importante do mundo, cun valor de marca de 20.700 millóns de dólares, como indica a revista Forbes, só detrás de Johnson&Johnson. Esta posición levouna a exercer prácticas intimidatorias contra distintos Estados para permitirlles o acceso ás vacinas contra a Covid-19.

Unha investigación do Bureau of Investigative Journalism xunto ao medio peruano Ojo Público descubriu como Pfizer, ademais de eximirse de responsabilidade legal diante de calquera problema derivado da súa vacina, exixiu a varios Estados latinoamericanos que puxeran como garantía os seus activos soberanos, incluíndo edificios de embaixadas ou bases militares.

Na Arxentina, onde decidiron non pregarse ás exixencias da empresa alemá e agora vacinan sobre todo con Sputnik V, o médico Jorge Rachid, asesor do gobernador de Bos Aires, Axel Kicillof, denunciou que Pfizer pretendía quedar cos glaciares da provincia de Terra de Fogo se Arxentina non pagaba as vacinas.

En 61 Estados do mundo, a meirande parte en África, non inocularon nin o 3% da poboación, o que amosa a dificultade de moitos Estados para acceder ás vacinas maila o anunciado sistema Covax da OMS, que depende da boa vontade das farmacéuticas.

Segundo a Fundación Kenup, o investimento público no último ano foi de 93.000 millóns de euros para financiar a investigación das vacinas, compras anticipadas, exencións fiscais, medicamentos etc.

A pesar disto, tanto as farmacéticas como os países máis ricos néganse unha e outra vez a liberalizar as patentes e permitir o acceso universal ás vacinas.

En decembro, tras a proposta de India e Suráfrica, 99 países votaron a favor desta medida na OMS, mais a negativa da Unión Europea e dos EUA fixo decaer a iniciativa, que tamén foi rexeitada hai poucos días no Congreso.

Comentarios