A farmacéutica da vacina AstraZeneca gaña a batalla xudicial contra a UE

A Xustiza belga obriga á compañía a entregar 80 millóns de doses, mais a Unión Europea recorrera aos tribunais a enviar aos estados 300 millóns do fármaco contra a Covid-19. Esta última cifra é a que figuraba no contrato asinado polas dúas partes.

Unha caixa con viais da vacina nun espazo sanitario de Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press) #astrazeneca #ue #vacina #vacinación #xuízo #doses
photo_camera Unha caixa con viais da vacina nun espazo sanitario de Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Un tribunal de primeira instancia de Bélxica vén de anunciar un fallo a prol da farmacéutica creadora da vacina AstraZeneca contra a Covid-19 fronte a denunciante que non era outra que a Unión Europea. Malia que as dúas partes afirmaron nesta sexta feira que ven o auto coma unha vitoria, o certo é que a condena que se lle impón á empresa é moito menor da que se exixía.

A Xustiza insta á compañía a entregar aos estados da UE un total de 80 millóns de doses do medicamento até setembro.

No entanto, a UE reclamaba para os 27 que a anglosueca distribuíra 120 millóns de doses antes de rematar este mes de xuño e outros 180 nos tres meses seguintes. A demanda era que “o laboratorio entregase todas as doses contempladas no contrato” que estaba asinado.

Ao ter que chegar só aos 80,2 millóns no canto dos 300 que se lle reclamaban, agarda cumprir coa sentenza en poucas semanas dadas as entregas que realizou despois de que se iniciara o procedemento.

Por outra parte, deberá pagar unha multa de 10 euros por cada dose do remedio non entregada por debaixo dos 50 millóns que se ditaron e que levan á suma total de 80,2.

Neste contexto, a farmacéutica sinte que saíu gañadora do xuízo, algo que tamén di a UE malia que non se conseguiu o que se pretendía, que non era outra cousa que garantir que se atendía ao contrato.

"O tribunal de primeiro instancia de Bruxelas chega á conclusión de que AstraZeneca violou o contrato acordado coa UE e utiliza diferentes adxectivos e fala en algures de violación deliberada e noutros de falta grave", destacan desde a Comunidade Europea.

Comentarios