O Brasil decide este domingo quen ocupará a presidencia do seu Goberno

 Luiz Inácio Lula da Silva e Jair Bolsonaro son os principais candidatos nesta primeira volta das eleccións.
O candidato do Partido dos Trabalhadores, Lula da Silva. (Foto: Europa Press)
photo_camera O candidato do Partido dos Trabalhadores, Lula da Silva. (Foto: Europa Press)

Hoxe máis de 150 millóns de brasileiros e brasileiras están citadas para dirimir quen presidirá o país. O candidato do Partido dos Trabalhadores (PT), Luiz Inácio Lula da Silva, é o principal aspirante a vencer na primeira volta dos comicios deste domingo. Así o foron resolvendo as enquisas das últimas semanas.

Desde que Lula da Silva recuperou os seus dereitos políticos tras ser anuladas as súas condenas, non houbo sondaxe que non o sitúe de novo no Palacio do Planalto, sede do Goberno brasileiro, doce anos despois.

Consciente diso, o aspirante á reelección polo Partido Liberal (PL) e actual presidente do país, Jair Bolsonaro, centrou a súa campaña en pór en dúbida o sistema electoral brasileiro e en lembrar o pasado coa xustiza do seu rival, á vez que facía fronte a unha pronunciada caída da súa popularidade, debida principalmente á súa xestión da pandemia.

Neste contexto, o Brasil decidirá o seu futuro nun momento no que ten que lidar con índices récord de inflación, unha desigualdade de tempos anteriores, o desemprego, e os estragos da pandemia.

Ademais, existe o temor nunha parte da sociedade de que Bolsonaro non recoñeza os resultados das eleccións, despois de que estivese apelando en numerosas ocasións ao Exército e poñendo en dúbida o Tribunal Supremo.

Últimas enquisas

Na liña das enquisas destes meses, a coñecida nas últimas horas de Ipespe, contratada pola Asociación Brasileira de Investigadores Electorais (Abrapel), mostra o ex presidente Lula da Silva con 49% dos votos e Jair Bolsonaro con 35%.

Por detrás deles, a unha distancia considerábel, atoparíanse Ciro Gomes, do Partido Democrático Trabalhista (PDT), con 8%, e Simone Tebet, do Movimento Democrático Brasileiro (MDB), con 7%.

Comentarios