Bos Aires acolle unha protesta masiva contra as políticas de Milei

Protesta hoxe en Bos Aires. (Foto: Leandro Blanco / telam / DPA)
A CXT decide mañá os seguintes pasos.

Ducias de milleiros de persoas participaron hoxe na capital arxentina, Bos Aires, na mobilización convocada polas forzas sindicais encabezadas pola Confederación Xeral do Traballo (CXT), á que se sumaron organizacións sociais, en contra do decreto sancionado polo presidente, o ultradereitista Javier Milei, co que modificou máis de 300 normas acabando con boa parte da lexislación de protección social e abrindo a porta á privatización de empresas públicas.

O documento acordado polos sindicatos incide en que a “feroz reforma laboral regresiva” está baseada en medidas “arbitrarias, anticonstitucionais e lesivas dun vasto número de dereitos civís, comerciais e sociais”.

Dous dos líderes da CXT, Héctor Daer e Pablo Moyano, reiteraron que hai que acabar coa norma “na política, na Xustiza e nas rúas”, nunha marcha que se dirixiu ao Palacio de Xustiza para apoiar a presentación de recursos de inconstitucionalidade contra o decreto de necesidade e urxencia, unha forma legal para circunstancias extraordinarias e que aínda pode ser freada no lexislativo, para o que ambas as dúas Cámaras deberán rexeitalo.

Durante a protesta, transcendeu que o xuíz Ignacio Ramonet rexeitou as medidas provisorias reclamadas pola CXT para suspender a vixencia dos artigos do decreto que fan referencia a temas laborais, defendendo que aínda non entrou en vigor, algo que acontecerá a sexta feira.

A dirección do sindicato reúnese hoxe para desenvolver un plan de loita contra o decreto, que a axencia Télam apunta que podería incluír unha folga xeral. A pesar diso, nunha xuntanza horas antes entre as forzas sindicais e lexisladores da progresista Fronte de Todos, o deputado Hugo Yasky subliñou que a greve non estaba sobre a mesa polo de agora.

En todo caso, Milei asegurou que se o lexislativo rexeita o decreto convocará “un plebiscito ou consulta popular”. Porén, a única vía para convocar unha votación vinculante é por medio do Congreso.

Poder adquisitivo

Asemade, tras o despido de 7.000 funcionarias e funcionarios e a revisión de 65.000 contratos máis, anunciou que non haberá aumentos de salario no curto prazo para os empregados públicos que manteñan o traballo, xerando unha perda significativa do seu poder adquisitivo despois de desvalorizar o peso arxentino e a pesar de que admitiu que as súas políticas neoliberais implicarán un aumento da inflación, que xa se sitúa en 160%.