O borrador de acordo da COP26 renuncia ao límite de 1,5ºC na suba da temperatura

Incendio en febreiro en Australia. O quecemento global produce un aumento dos eventos climáticos extremos. (Foto: PR image / DPA)
Os países máis industrializados pretenden reducir as súas achegas cando non foron quen de cumprir os compromisos económicos que asinaran en 2009, ao tempo que países como Australia e Arabia Saudita pulan para que non se limite o uso do carbón e dos combustíbeis fósiles.

1,5°C de incremento da temperatura con respecto aos niveis preindustriais (1850-1900). Este é o limiar marcado pola ciencia para ser quen de adaptarse e mitigar o avance das consecuencias do cambio climático, así como a cifra arredor da cal estivo pivotando a COP26 á hora de tomar medidas nos vindeiros anos.

Porén, o borrador feito público esta cuarta feira pola Organización das Nacións Unidas (ONU), sobre o que se negociará até mañá, o último día da conferencia sobre o clima, conserva a mesma proposta de acordo que foi asinada en París en 2015, remarcando o “obxectivo global a longo prazo de manter o aumento da temperatura media por debaixo dos 2°C e a esforzarse para limitalo a 1,5°C” até final de século.

Malia iso, o documento desenvolto por Alok Sharma, presidente da COP26 e ministro británico de Estado para o Desenvolvemento Internacional, recoñece que o impacto do cambio climático será “moito menor se a temperatura medra 1,5°C comparado cos 2°C”.

Cando xa nos situamos nun acrecentamento de 1,09°C, segundo o Panel intergobernamental sobre cambio climático da ONU, o texto asume que estamos na “década crítica” e que mitigar até grao e medio a suba “require reducións rápidas, profundas e sostidas dos gases de efecto invernadoiro”, acompañadas dunha diminución do 45% nas emisións de CO2 en 2030 con respecto a 2010 e chegar a cero emisións en 2050.

Ademais das críticas de distintas entidades en defensa do medio ambiente, o bloque dos países menos desenvoltos cuestiona as intencións dos países máis industrializados, principais responsábeis do quecemento global, que amosan “unha desconexión entre as declaracións públicas e o que está a suceder nas negociacións”, sostivo en Le Soir o presidente do bloque e secretario da Comisión de Medio Ambiente de Bután, Sonam Phuntsho Wangdi. 

Financiamento

O borrador revela a “preocupación” polos fondos necesarios para impulsar os procesos de adaptación e mitigación do cambio climático, e fai un chamamento aos países máis industrializados para incrementar “de maneira urxente” as achegas.

Asemade, salienta que estes Estados non cumpriron o compromiso de mobilizar 100.000 millóns de dólares anuais (86.000 millóns de euros). De feito, pretenden restrinxir unha meta que non acadaron e “están falando agora de 80.000 millóns de dólares”, denunciou Lamin B. Dibba, ministro de Medio Ambiente de Gambia, a Al Jazeera.

A pesar disto, a proposta inclúe tímidos avances. Os territorios menos desenvoltos estiveron premendo durante a COP26 para que se forzara o adianto das metas fixadas para 2030, informa The Guardian. Nese sentido, no borrador reclámase que os Estados “revisen e fortalezan” para finais de 2022 os propósitos asumidos nun inicio, reducindo emisións e estabelecendo obxectivos máis estritos no que atinxe á loita contra o cambio climático.

Outra das novidades que presenta o escrito é a mención á necesidade de “acelerar a fin do carbón e dos subsidios aos combustíbeis fósiles”, mais só “convida” os países a valorar novas oportunidades para reducir emisións, tras o bloqueo que lideran Australia e Arabia Saudita, destaca a BBC, para asumir compromisos neste eido.

Alemaña, Francia e os EUA non queren limitar os combustíbeis fósiles

30 Estados e 6 fabricantes de coches asinaron onte na COP26 un acordo para que “as vendas de camionetas e coches novos sexan cero emisións a nivel mundial en 2040, e a máis tardar en 2035 nos principais mercados”.

O sector do transporte provoca o 20% das emisións de gases de efecto invernadoiro, e o 90% representa o tráfico por estrada. Este pacto -non vinculante- non foi asinado polos Estados Unidos, Alemaña ou o Estado español.