ERC, a forza máis votada

O bloco independentista mantería a maioría absoluta no Parlament

Segundo un inquérito publicado por El Periódico e realizado antes de o Goberno do Estado activar o artigo 155.

 

Esteladas durante a campaña das xerais do 20D de 2015
photo_camera Esteladas durante a campaña das xerais do 20D de 2015

As forzas abertamente partidarias da independencia de Catalunya voltarían a ter a maioría absoluta do Parlament de se realizar agora unhas novas eleccións ao Parlament.

Isto é o que se tira da publicación dun inquérito por parte de El Periódico de Catalunya, o segundo rotativo en tiraxe do Principat, claramente aliñado coas teses unionistas.

Segundo a sondaxe, a forza política máis votada neses comicios sería a ERC de Oriol Junqueras, que obtería entre 43 e 44 escanos. Por súa parte, o Partit Demòcrata Europeu Català do president Puigdemont sería a cuarta forza política con entre 18 e 19 asentos na cámara. Completaría o elenco indepedentista unha CUP que na práctica mantería os seus resultados dos comicios de 2015 ao conseguir entre 9 e 10 parlamentares face os 10 actuais.

A maioría absoluta da Cámara está en 68 escanos. Segundo este inquérito, o independentismo acadaría entre 70 e 73 asentos. Neste momento a suma de JxSí (a coligazón de ERC e PDeCAT que non se manterá nas próximas eleccións) e a CUP é igual a 72 escanos. Hai que lembrar que alcanzar esa cifra a partir de 3 ofertas eleitorais -e non de dúas, como nas eleccións de 2015- é máis difícil en función de como actúa a lei eleitoral.

Canto ao unionismo, o inquérito rexista un significativo aumento das expectativas eleitorais do PSC, que pasaría dos 16 escanos de 2015 a entre 20 e 21, até o ponto de ameazar a condición de segunda forza dun Cs, que podería ceder até 4 asentos (pasaría de 25 a entre 20 e 21).

Quen baixaría sería o Partido Popular (paradoxalmente o partido chamado a gobernar Catalunya durante a aplicación do 155), que cedería entre 1 e 2 actas a respeito de 2015 (os seus 11 escanos actuais poderían se tornar en 9 ou 10), en tanto que Catalunya sí que es Pot (a confluencia irmá de Podemos) ou repetiría resultado (11) ou aumentaría un parlamentar (12).

O inquérito ten neste momento un valor predictivo relativo tendo en conta que se fixo antes da entrada en vigor do 155. Todo indica que, en todo caso, a posición eleitoral do independentismo é moi firme. A incógnita focaríase máis ben no PSC e en se o seu aliñamento oficial co Sánchez na suspensión da autonomía lle pode traer ou non custos eleitorais, dos que en teoría se podería acabar beneficiando unha Catalunya sí que es Pot que continúa a estar estancada nas sondaxes.

Comentarios