BE e PCP acusan a Costa de buscar o adianto electoral

Portugal encamíñase cara a un adianto electoral. Mentres a oposición de esquerdas acusa os socialistas de forzar uns novos comicios co pretexto dos orzamentos, e o PS culpa PCP e BE de provocar unhas novas elección co seu voto negativo ás contas públicas. A batalla polo relato convértese no primeiro acto da campaña.
Sesión de control parlamentario da Asemblea da República. (Foto: Europa Press) #portugal #costas #eleccións
photo_camera Sesión de control parlamentario da Asemblea da República. (Foto: Europa Press)

Todo apunta a que o próximo 3 de novembro, o presidente portugués, o conservador, Marcelo Rebelo de Sousa proceda a disolver a Cámara lexislativa após a reunión do Consello do Estado. Segundo as previsións, os comicios terán lugar no mes de xaneiro e malia que as enquisas non outorgan unha maioría absoluta a ningunha das forzas en contenda, os socialistas agardan mellorar as súas posicións actuais. Neste sentido, o primeiro ministro, o socialista, Antonio Costa xa ten reclamado “unha maioría reforzada”, que pasa por superar os 108 escanos actuais e achegarse a 116, cifra que lle outorga a maioría absoluta.

As palabras de Costa foron retrucadas polo secretario xeral do Partido Comunista Portugués (PCP), Jerónimo de Sousa. Nun acto público en Évora, a capital do Alentexo, sinalou que os orzamentos non atendían aos “problemas máis urxentes”, non incluían as propostas da súa formación, as cales “non levaban nin a crise nin a inestabilidade” e respondían a unha xogada política dos socialistas, co obxectivo de ir a unha eleccións para conseguir a maioría absoluta e “poder libremente manter os seus compromisos co déficit e co grande capital”. 

“Non hai orzamentos porque o PS quer unha maioría absoluta para, sen condicionamentos, nin responder aos problemas do país e poder libremente manter os seus compromisos co déficit e o grande capital en prexuízo do que interesa aos traballadores e ao pobo. 

Móstrase así que non hai orzamento porque o Partido Socialista (PS) non quixo”, sinalou de Sousa, quen reiterou que “non desexamos eleccións, nin elas son inevitábeis. Porque nada obriga a que do rexeitamento do orzamento do Estado resulte a necesidade de disolución da Asemblea da República e de convocatoria de eleccións”.

‘A geringonça foi morta pela obsesión pola maioría absoluta’

O Bloco de Esquerdas (BE) tamén culpou os socialistas de buscar o adianto electoral. A voceira da formación e deputada, Catarina Martins sinalou que “a geringonça foi morta pela obsesión pola maioría absoluta, pola negativa dos orzamentos de dar resposta á falla de persoal do Sistema Nacional de Saúde (SNS), e , pola intransixencia que mantén a troica nas leis laborais”. Porén, considerou que “a geringonça”, o modelo de acordo entre as forzas de esquerda portuguesa que permitiu o Goberno de Costa, “non foi tempo perdido, foi tempo gañado”.

“Estas propostas non teñen nada de esquerda, nin dan resposta aos problemas do país. E son inexplicábeis, porque o momento debía mesmo ser de cambio”, afirmou Martíns, quen apostou por continuar loitando “por unha maioría para unha saúde digna para toda a xente, por unha democracia que protexe a seguranza social, por salarios e empregos sen precariedade”. Nesta liña, rematou afirmando que “o Goberno pasou dous días a repetir que “este é o orzamento mais à esquerda de sempre”. A frase é tan baleira que até a dereita a repetiu”.

As enquisas non prognostican unha maioría absoluta do Partido Socialista. Pola contra, a case totalidade das sondaxes sitúano nunha intención de voto semellante a de 2019 ,cando logrou o 39% dos sufraxios. As perspectivas do principal partido da dereita, o PSD, tampouco, son optimistas non existindo ningún dado que o coloque por riba de 20% dos anteriores comicios. A maiores, a formación enfronta un debate interno moi intenso arredor do seu liderado.

A formación de extrema dereita Chega semella chamada a dar gran sorpresa dos comicios. A este respecto, a práctica totalidade dos estudos de opinión colócana como terceira forza na Asemblea República por diante do PCP, que neste momento as enquisas sitúan por encima do Bloco de Esquerdas.

Comentarios