Asasinan Alejandra Ironici, activista pioneira na loita polos dereitos das persoas trans en Arxentina

Ironici era recoñecida por ser a primeira muller trans en obter o recoñecemento legal en Arxentina.
Alejandra Ironici, nun acto. (Foto: Instagram)
photo_camera Alejandra Ironici, nun acto. (Foto: Instagram)

Os medios de comunicación arxentinos informaron na mañá desta terza feira do asasinato de Alejandra Ironici, recoñecida por ser a primeira muller trans en obter o recoñecemento legal no país de América do Sur.

Segundo detallaron os xornais, a activista polos dereitos do colectivo LGTBIQ+ foi atopada no seu domicilio, na cidade de Santa Fe, con signos evidentes dun ataque con arma branca. O seu corpo tamén presentaba diversas queimaduras.

Nesta mesma cidade, Ironici conseguiu en 2012 que o seu Documento de Identidade recoñecese de maneira legal a súa condición de muller trans, sendo a primeira persoa que o conseguía pola vía administrativa en Arxentina.

Segundo informaron diversos medios locais, xa hai unha persoa detida en relación ao asasinato da activista, e a fiscal Alejandra del Río xa abriu dilixencias para esclarecer o ocorrido.

Reaccións institucionais

No momento de coñecerse o falecemento de Ironici, foron diversos os cargos do Goberno arxentino que trasladaron as súas condolencias á súa familia e achegados.

É o caso da ministra de Igualdade, Xénero e Diversidade da provincia de Santa Fe, Florencia Marinaro, que asegurou que "é demasiada a dor que nos provoca a morte de Alejandra Ironici".

"Vaise unha amiga, con quen aprendín sobre os dereitos conquistados e o traballo de cada día. Estamos coa súa familia, coa comunidade e con todo o que implica traballar pola xustiza en coordinación coa Fiscalía", engadiu na súa conta de Twitter.

Pola súa parte, a Ministra de Goberno, Xustiza e Dereitos Humanos da provincia de Santa Fe, Celia Area, explicou que "a dor que provoca a morte de Alejandra Ironici é tan grande como o legado que deixa, por cada dereito conquistado, por cada vida que se transformou construíndo unha sociedade máis xusta".

Comentarios