Alxeria decreta o feche definitivo do gasoduto entre o Magreb e Europa

Abdelmayid Tebún, presidente de Alxeria, nunha xuntanza do Consello de Seguridade estatal. (Foto: Presidencia de Alxeria)
A colonización do Sáhara Occidental e o conflito de Marrocos coa Fronte Polisario está detrás da decisión tomada por Alxeria, un dos principais aliados da República Árabe Saharauí Democrática.

Abdelmayid Tebún, presidente da República Democrática e Popular de Alxeria, ratificou na noite do domingo á segunda feira o feche do gasoduto que até hai dous días transportaba gas natural desde Alxeria até o Estado español, e que o ano pasado levou á Unión Europea 6.000 millóns de metros cúbicos.

A canalización levaba en marcha un cuarto de século. Parte dos 1.400 quilómetros da infraestrutura atravesan o Reino de Marrocos (540 km), o motivo principal da decisión das autoridades.

O fin do contrato, un día antes de que rematara o prazo fixado polo acordo comercial, foi xustificado polas “prácticas de carácter hostil de Marrocos, que atentan á unidade nacional de Alxeria, e despois de consultar o primeiro ministro, o ministro de Finanzas e o ministro de Enerxía e Minas, o presidente da República deu instrucións á sociedade Sonatrach para que cese toda relación comercial coa sociedade marroquí e non renove o contrato”, transmitiron fontes gobernamentais.

O Sáhara Occidental como fondo do debate

Marrocos cobraba entre 50 e 200 millóns de euros anuais polo paso do gas natural polo seu territorio, amais, usábao para pór en marcha as centrais eléctricas de Tahaddart e Ain Beni Mathar, xestionadas por Endesa e Abengoa respectivamente, que supuñan o 10% da produción eléctrica do Estado africano.

A decisión de Alxeria supón un novo episodio no conflito con Marrocos. No último ano racharon as relacións diplomáticas, o que estivo acompañado do feche do espazo aéreo alxeriano a calquera voo civil ou militar do Reino alauí.

No fondo da cuestión localízase o Sáhara Occidental, que sufre a colonización marroquí en boa parte do seu territorio. Alxeria é o principal aliado da Fronte Polisario e da República Árabe Saharauí Democrática, que asumiu a ruptura do alto o fogo despois dunha rolda de agresións por parte do Exército marroquí en novembro de 2020.

Cando se fixeron públicas as intencións de Alxeria a semana pasada, a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica do Estado español, Teresa Ribera, desprazouse até Alxer para tentar evitar o feche da vía, ao proceder a metade do gas natural consumido en 2021 no Estado deste país.

Así e todo, o único compromiso que recibiu foi o de ampliar o gasoduto Medgaz, que une Alxeria con Almería (Andalucía), mais os expertos apuntan a dificultade de rematar as obras antes do inverno, o que implicaría un aumento dos buques necesarios para entregar esa cantidade, encarecendo desta maneira o prezo.