Ribera aposta por acordos de enerxía a longo prazo entre eléctricas e a industria

O Goberno español abre a porta a avalar a compra de enerxía a longo e medio prazo a través dos acordos coñecidos como PPA.
A vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, durante a sesión de control (Foto: Congreso das Deputadas).
photo_camera A vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, durante a sesión de control (Foto: Congreso das Deputadas).

Esta quinta feira decorre no Congreso das Deputadas o debate de consolidación do decreto de medidas extraordinarias do Goberno español encamiñadas a abaratar o prezo da enerxía para as persoas consumidoras

Na cuarta, a sesión de control ao Executivo serviu de quecemento para este debate e tamén para pór sobre a mesa as principais críticas, entre as que destaca o impacto que estas medidas poidan ter na industria, que xa comeza a anunciar paradas na súa produción por este motivo.

O PNV suxeriu "retocar e reorientar" un decreto que, na súa opinión, abocará as empresas a uns custos enerxéticos que poderían repercutir no emprego e provocar máis expedientes de regulación de emprego. 

Esta crítica vai na liña do escrito que varias eléctricas teñen pensado remitir a Bruxelas, no que dirixentes de firmas como Enel (propietaria de Endesa), Orsted, Vattenfall e EDP reclaman evitar "políticas miopes" e intervencións drásticas no mercado, como o imposto ás ganancias extraordinarias ás eléctricas aprobado polo Executivo español.

Poxas e PPA

Desde o Goberno estatal, o presidente Pedro Sánchez recolleu a proposta da formación nacionalista vasca e sinalou que está disposto a precisar o decreto lei co fin de non minguar a competitividade das empresas.

Pola súa banda, a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, indicou que está a trasladar ás empresas eléctricas a necesidade de que teñan "unha implicación moito máis seria" para garantir "prezos estábeis e razoábeis" para a industria, ao tempo que anunciou que o Goberno español está a estudar a posibilidade de ofrecer avais públicos para acordos de compra a medio e longo prazo de enerxía, os coñecidos como PPA.

Neste senso, Ribeira sinalou que a industria "está máis exposta" á volatilidade dos prezos da enerxía que noutros mercados europeos precisamente pola falla de "tradición" de ter contratada a electricidade a prezo fixo a varios anos. "Hai unha parte que si, pero moito depende de canto custe no mercado almacenista",  apuntou a vicepresidenta, quen apostou en fomentar a contratación bilateral "a prezo fixo durante un tempo", e tamén en buscar fórmulas de contratación  en poxas para reducir a vinculación entre a factura de electricidade e o mercado almacenista.

O Goberno español está a estudar a posibilidade de ofrecer avais públicos para acordos de compra a medio e longo prazo de enerxía

Segundo avanzou, o Goberno español está a traballar en aspectos técnicos relacionados con estas cuestións, pois este tipo de contratacións "quizais poidan necesitar o respaldo, o aval e a garantía do Fergei" (Fondo Español de Reserva para Garantías de Entidades Electrointensivas), un fondo de avais públicos para a contratación de enerxía a medio e longo prazo por parte da  industria electrointensiva.

Por último, sobre a tramitación como decreto da norma que recorta os beneficios extraordinarios das eléctricas polo prezo do gas, Ribeira asegurou que non cre que teña "ningún problema" para saír adiante e que "ten pouco sentido" tramitalo como proxecto de lei, xa que a maior parte de medidas, como as de fiscalidade ou o recorte dos beneficios, son conxunturais e deixarían de estar en vigor durante a tramitación da iniciativa no Congreso.

Comentarios