Após dous anos, Alxeria busca estabilidade

Despois da confirmación dos resultados das eleccións do 12 de xuño, nas que participou só unha de cada tres persoas chamadas a votar, comeza o proceso para a renovación do Goberno e do Primeiro Ministro nun Estado que busca estabilidade despois de dous anos marcados polas protestas.
Unha persoa votando despois de abrir os colexios electorais nas lexislativas de Alxeria o pasado 12 de xuño. (Foto: Xinhua)
photo_camera Unha persoa votando despois de abrir os colexios electorais nas lexislativas de Alxeria o pasado 12 de xuño. (Foto: Xinhua)

Os movementos sucédense nas últimas horas para a renovación do Goberno despois de que a pasada quinta feira o presidente do Consello Constitucional, Kamel Feniche, anunciara os resultados finais das eleccións lexislativas de Alxeria do pasado 12 de xuño.

Nelas, a Fronte de Liberación Nacional (FLN), actualmente no poder, mantense como a forza máis votada do país con 98 dos 407 escanos en xogo -con pouco menos do 25% dos votos-, mais perdendo 66 asentos con respecto ao proceso de 2017.

O Movemento pola Solidariedade e a Paz quedou como segunda forza con 65 escanos, aumentando a súa representación en 32 lexisladoras e lexisladores, o MSP é un partido de orientación islámica e preto de Irmáns Musulmáns, aliado en diversas ocasións dos gobernos da FLN.

Pola súa banda, a Agrupación Nacional para a Democracia, que se impuxera nas eleccións lexislativas de 1997, perdeu case a metade da súa representación e rematou con 58 asentos, despois de apoiar varios gobernos da FLN. En cuarta posición situouse a Fronte para o Futuro, que multiplica os seus resultados e pasa de 12 a 48 congresistas.

A última das forzas políticas con ampla representación é o Movemento de Construción Nacional, unha escisión do MSP, que entra na Asemblea Popular Nacional con 39 escanos. Ademais, as candidaturas independentes triplican o seu peso no parlamento, acadando 84 escanos.

Desde o final da guerra civil en 1999, estas eleccións deixaron a participación máis baixa rexistrada, ao votar o 30,2% de máis de 24 millóns de persoas con dereito a voto.

Boicot do Hirak

Un dos motivos principais da baixa participación foi o boicot promovido desde o Hirak, un movemento sen líderes nin estrutura que comezou o 16 febreiro de 2019 tras o anuncio do ex presidente Abelaziz Buteflika de presentarse a un quinto mandato cando o seu estado de saúde estaba deteriorado e cun alto grao de incapacidade.

O movemento, que se foi reducindo os últimos meses polos conflitos entre persoas partidarias dun cariz de orientación islámica e unha visión máis laica, non conseguiu cristalizar nunha alternativa política, o que engadido a detención de varios persoeiros vencellados co Hirak levounos a optar por pedir que non se asistira a votar e que se incidira na democratización do Estado.

Renuncia do primeiro ministro

Un día despois de confirmarse os resultados electorais, o Primeiro Ministro Abdelaziz Djerad presentou a renuncia de todo o seu gabinete por medio dunha misiva dirixida a Abdelmadjid Tebboune (FLN), presidente de Alxeria. Djerad, que levaba no cargo desde decembro de 2019, apuntou que é unha fase natural do proceso de sucesión e aproveitou para desexar éxito ao seu sucesor.

Hoxe comezan os contactos entre o presidente Tebboune e as forzas políticas con representación no hemiciclo, prevese que a FLN sexa quen de encabezar un novo Goberno de coalición e forxar unha maioría que leve a elección dun novo Primeiro Ministro.

Os retos do novo Goberno, acadar a normalidade e o impulso do emprego

A data prevista para a constitución do novo parlamento en Alxeria é o 8 de xullo, nesta sesión terán que elixir a dirección da Asemblea Nacional Popular e máis a Presidencia do órgano. A partir dos contactos entre forzas políticas que inicia hoxe o presidente Abdelmadjid Tebboune, tamén terá que ser nomeado un novo Primeiro Ministro.

A elección do Primeiro Ministro tamén leva aparellado un novo Executivo, que terá que tratar cunha crise económica provocada pola caída dos prezos do petróleo.

Esta situación tamén xerou un aumento da inflación e do desemprego, segundo indican os actores internacionais, pero a prioridade principal do novo Goberno será a estabilización do país, que desde a renuncia de Abelaziz Buteflika hai dous anos continúa nun estado de tensión agudizado pola pandemia de Covid-19.

Comentarios