Gazprom volve distribuír gas ruso a Alemaña após 10 días de mantemento no gasoduto Nord Stream 1

Na cuarta feira, a Comisión Europea propuxo aos países do bloque comunitario “facer todo o posíbel” para reducir o seu consumo de gas natural até 15% nos vindeiros oito meses.
Tubos do paralizado gasoduto Nord Stream 2 almacenados nas instalacións do porto de Mukran, Alemaña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Tubos do paralizado gasoduto Nord Stream 2 almacenados nas instalacións do porto de Mukran, Alemaña. (Foto: Nós Diario)

A compañía de gas rusa Gazprom reabriu esta quinta feira a subministración a Alemaña a través do gasoduto Nord Stream 1, após cortar o envío hai 10 días para realizar diversas tarefas de mantemento na infraestrutura da canalización do gas.

Durante estes dez días, as autoridades alemás e europeas trasladaron continuas mensaxes de temor e preocupación pola posibilidade de que Rusia optase por cortar definitivamente o envío de gas ao país do centro de Europa.

A presidenta da Comisión Europea (CE), Úrsula Von der Leyen, chegou a afirmar que "Rusia está a chantaxearnos, Rusia está empregando a enerxía como arma. Por iso, sexan parciais ou totais os cortes, Europa necesita estar preparada".

Pola súa parte, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, propuxo a semana pasada pór en marcha o gasoduto Nord Stream 2 para manter e ampliar o subministro de gas ruso a Alemaña e o resto de Europa.

'Aforrar gas para un inverno seguro'

Despois de adiantar nas últimas semanas que estaba a traballar nunha alternativa, a Comisión Europea presentou esta cuarta feira o plan 'Aforrar gas para un inverno seguro', co que busca prepararse para un eventual corte da subministración de gas natural de Rusia.

A principal iniciativa desta proposta, que ten que ser debatida por todos os Estados membros, compromete os países do bloque comunitario a “facer todo o posíbel” para reducir o seu consumo de gas natural até un 15% nos vindeiros oito meses, desde o 1 de agosto de 2022 até o 31 marzo de 2023.

Ao tempo, o documento estabelece un mecanismo para fixar “obxectivos vinculantes de redución da demanda” no caso de “risco substancial de escaseza”; “se non se dan avances suficientes a Comisión poderá activar unha alerta europea en calquera momento para obrigar a diminuír ese 15%”, indicou na presentación do plan Kadri Simson, comisaria de Enerxía.

Comentarios